Nova: A sede Afundación de Santiago acolle a mostra ‘Oswaldo Guayasamín. 1919-1999. Dos series. Dos aniversarios’ ata o 23 de xuño

10/04/2019
A sede Afundación de Santiago acolle a mostra ‘Oswaldo Guayasamín. 1919-1999. Dos series. Dos aniversarios’ ata o 23 de xuño
A exposición conmemora o centenario do nacemento do pintor ecuatoriano e o vixésimo aniversario do seu falecemento
As series expostas pertencen á Fundación Museo de Artes do Gravado de Ribeira
Santiago de Compostela, 10 de abril de 2019.- O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe, na sede de Afundación en Santiago de Compostela, na apertura da mostra Oswaldo Guayasamín. 1919-1999. Dos series. Dos aniversarios.
A mostra, que se poderá visitar ata o 23 de xuño, conmemora o centenario do nacemento do pintor ecuatoriano e o vixésimo aniversario do seu falecemento. Para recordar estas dúas datas exporanse dúas series pertencentes á Fundación Museo de Artes do Gravado de Ribeira: De Orbe Novo Decades e Emociones.
No caso da serie titulada De Orbe Novo Decades, cómpre salientar que foi concibida para ilustrar unha edición facsimilar do libro de nome homónimo de Pedro Mártir de Anglería, publicado orixinalmente no ano 1516. Así, o relato do humanista italiano inspirou 57 ilustracións efectuadas nos anos oitenta.
A outra serie, denominada Emociones pola propia Fundación Museo de Artes do Gravado, componse de 20 litografías realizadas en España por Oswaldo Guayasamín coas que o pintor ecuatoriano se achega ao mundo dos sentimentos.
Na presentación desta exposición, ademais de Anxo M. Lorenzo, tamén participaron Pedro Otero, director xerente de Afundación, e Manuel Ruíz, alcalde de Ribeira e presidente da Fundación Museo de Artes do Gravado, xunto a Javier Expósito, vicepresidente desta Fundación. O acto completouse cunha visita guiada a cargo da comisaria da exposición, Pilar Cagiao.