Nova: O taller EAVE de produtores audiovisuais congrega en Santiago máis de 200 profesionais

22/10/2018

O taller EAVE de produtores audiovisuais congrega en Santiago máis de 200 profesionais

A Agadic colabora coa asociación Les Entrepeneurs de l’Audiovisuale Européen na última cita anual deste prestixioso programa formativo internacional, que terá lugar desde hoxe e ata o día 29 na Cidade da Cultura e no NH Collection e que reúne a especialistas dunha trintena de países

A Xunta tamén promove a apertura das sesións plenarias do encontro aos integrantes do sector en Galicia, así como o desenvolvemento dun obradoiro local específico para oito profesionais galegos seleccionados pola organización

  • O taller EAVE de produtores audiovisuais congrega en Santiago máis de 200 profesionais dunha trintena de países O taller EAVE de produtores audiovisuais congrega en Santiago máis de 200 profesionais dunha trintena de países

Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2018.- Máis de 200 profesionais dunha trintena de países reúnense desde hoxe en Santiago de Compostela para asistir á cita galega do prestixioso programa formativo internacional EAVE (European Audiovisual Entrepereneurs), que desenvolve aquí o terceiro e último encontro anual do seu EAVE Producers Workshop. A Consellería de Cultura e Turismo, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), colabora coa asociación Les Entrepeneurs de l’Audiovisuale Européen na celebración deste evento en Galicia, así como na súa apertura ao sector galego co fin de lles brindar aos nosos profesionais a oportunidade de afondar en materias como o financiamento e a xestión de coproducións internacionais.

A Cidade da Cultura de Galicia e o hotel NH Collection de Santiago son as sedes desta intensa actividade formativa, seguida polo medio centenar de produtores de todo o mundo matriculados na actual edición do Producers Workshop, que recala en Galicia tras a súa estadía en Luxemburgo en marzo e na cidade norueguesa de Stavanger en xuño.

Despois do traballo desenvolvido por este alumnado internacional e o equipo pedagóxico do EAVE nestes dous talleres previos sobre análise de guión, desenvolvemento, financiamento, aspectos legais da coprodución, márketing ou preparación de pitchings, entre outras materias, en Santiago úneselle un nutrido grupo de Decision Makers europeos (consultores responsables da busca de proxectos ou commissioning editors, de fondos de financiamento nacionais e rexionais, axentes de vendas etc.) para revisar e discutir cos participantes os seus proxectos, empresas e carreiras.

Coprodución subvencionada pola Agadic

Precisamente, un dos proxectos seleccionados para a súa análise nesta sección oficial do programa é ¿Qué hicimos mal?, coprodución hispano-mexicana liderada pola compañía galega Matriuska, que resultou adxudicataria este ano dunha subvención de 239.457 euros por parte da Xunta, a través da convocatoria de axudas da Agadic á produción e coprodución audiovisual.

Comparte