Nova: As visitas astronómicas converten de novo o monte Gaiás en observatorio do ceo nocturno este verán

03/07/2018

As visitas astronómicas converten de novo o monte Gaiás en observatorio do ceo nocturno este verán

Arredor dun milleiro de persoas achéganse cada ano a descubrir en familia a maxia das estrelas nesta actividade, organizada en colaboración co Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC e que xa vai pola súa oitava edición

Seguindo as explicacións de monitores, as persoas participantes aprenden a identificar as distintas constelacións, planetas, estrelas dobres ou nebulosas

As sesións, para as que xa quedan poucas prazas, son de balde previa inscrición e terán lugar os sábados entre o 7 de xullo e o 15 de setembro

Santiago de Compostela, 3 de xullo de 2018.- As Visitas Astronómicas volven este verán á Cidade da Cultura, convertendo o monte Gaiás nun observatorio privilexiado do ceo nocturno de Compostela. Durante os sábados do verán realizaranse sesións de observación astronómica –de balde previa inscrición– nas que gozar a un tempo da maxia das estrelas e da arquitectura do complexo de Peter Eisenman.

A través de telescopios e prismáticos e seguindo as explicacións técnicas de monitores, as persoas asistentes observarán a lúa, os planetas, estrelas dobres ou nebulosas, aprendendo ademais, valéndose dun planisferio, a identificar as constelacións á primeira ollada. A actividade, que combina lecer e coñecemento e se dirixe a un público familiar, está organizada pola Fundación Cidade da Cultura de Galicia en colaboración co Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC.

O programa das Visitas Astronómicas alóngase durante todo o verán cun total de dez sesións, todas elas de balde previa inscrición, que se desenvolverán as noites dos sábados ata o 15 de setembro –agás o 28 de xullo e o 25 de agosto–. Prográmase ademais unha sesión extraordinaria para a noite do domingo 12 de agosto, coincidindo coa Noite das Perseidas. Se o tempo acompaña, as ‘bágoas de San Lourenzo’ poderán observarse desde o Gaiás nunhas óptimas condicións de visibilidade, con mínima contaminación lumínica. Ao rematar o verán, un milleiro persoas terán pasado polo Gaiás para participar nesta popular actividade, que cumpre xa a súa oitava edición.

A través do web cidadedacultura.gal está aberta a inscrición nas sesións de xullo e agosto, para as que quedan xa poucas prazas. Dado o grande interese que esperta esta actividade, o luns previo a cada unha das sesións abrirase a inscrición para 25 prazas adicionais nesa mesma quenda semanal. Ademais, o 6 de agosto abrirase a inscrición para as quendas de setembro –aínda non dispoñible–.

Recoméndase traer roupa de abrigo para participar na actividade. No caso de que as condicións meteorolóxicas non sexan favorables, a sesión trasladarase ao auditorio Xosé Neira Vilas da Biblioteca e Arquivo de Galicia.

Programación de verán da Cidade da Cultura

As Visitas Astronómicas enmárcanse na programación de verán da Cidade da Cultura para 2018, que inclúe 67 actividades de lecer e culturais, ao aire libre e en contacto coa natureza, pensadas para todos os públicos. Ao longo de tres meses, prevese que participen máis de 50.000 persoas en ciclos que xeran grande expectación e demanda como os concertos de Atardecer no Gaiás, as acampadas para a cativada de Unha noite no bosque, Cidade imaxinaria, Camiño ao Gaiás ou As nocturnas, visitas comentadas ás exposicións con música e petiscos. En cidadedacultura.gal pode consultarse toda a programación.

Comparte