Nova: A Cidade da Cultura acolle o primeiro concerto en Galicia dunha banda de música integramente feminina

17/03/2018
A Cidade da Cultura acolle o primeiro concerto en Galicia dunha banda de música integramente feminina
Marcamos o compás inscríbese dentro dos actos conmemorativos polo Día da Muller e na actuación, ás 20,30 horas, só soarán pezas de compositoras
O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, asistiu esta mañá aos ensaios e deulles os parabéns ás 81 instrumentistas por participar nesta iniciativa
A Banda Galega Feminina de Música créase ex profeso para esta conmemoración con integrantes de 53 formacións das catro provincias
Santiago de Compostela, 17 de marzo de 2018.- A Cidade da Cultura de Galicia acolle hoxe, ás 20,30 horas, o concerto Marcamos o compás, a primeira actuación que se organiza na Comunidade galega dunha banda integramente feminina, formada por 81 instrumentistas procedentes de toda Galicia, dirixidas por Isabel María Rubio, e que interpretarán un repertorio de pezas creadas todas elas por compositoras, xa que se trata dun evento que se inscribe nos actos conmemorativos do Día da Muller da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
Precisamente, o máximo responsable deste departamento, Román Rodríguez, achegouse esta mañá ao Museo Centro Gaiás aos ensaios da Banda Galega Feminina de Música, creada ex profeso para esta conmemoración, para darlle os parabéns as 81 instrumentistas por participar nesta iniciativa, que recibiu 110 peticións, e que recordou que se fai en colaboración coa Federación Galega de Bandas de Música. Na visita aos ensaios estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro; e da directora xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, Ana Isabel Vázquez Reboredo.
No encontro, durante os ensaios, Román Rodríguez salientou que con este concerto a consellería procura “darlle visibilidade a importante presenza feminina no ámbito da música, non só no ámbito interpretativo, senón tamén en esferas de responsabilidade”, como demostra o feito de que a formación estea dirixida por unha muller , Isabel María Rubio, actual directora da Banda de Música de Lalín.
Incidindo nesta liña do “papel relevante da muller en todas as esferas musicais”, o conselleiro tamén puxo en valor que o repertorio do programa de Marcamos o compás sexa de pezas creadas todas elas por mulleres, “reflectindo así a súa presenza no eido creativo”. Deste xeito, as composicións serán: Grana y oro, de Ermerinda Ferrar; El suspiro del moro, de Mª Dolores Vitoria; La bella durmiente, de María Mendoza; Poème du feu, de Ida Gotkovsky; La mezquita de Córdoba, de Julie Giraux.
A banda ensaiou estas pasadas fins de semana no Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela e hoxe realizaron o seu primeiro no Museo Centro Gaiás con toda a formación integrada por frauta, frautín, óboe, requinto, clarinete, clarinete baixo, fagot, saxo alto, saxo tenor, saxo barítono, trompa, trompeta, fliscorno, trombón, bombardino, tuba e percusión.
As mulleres que solicitaron formar parte da Banda Galega Feminina de Música proveñen de 53 formacións das catro provincias: Bandeira, Oleiros, As Pontes, Ribadulla , Salvaterra de Miño, Merza, Vilatuxe, Rubiós-As Neves, O Rosal, Caldas de Reis, Catoira, Meaño, Lalín, Silleda, Lugo, Barro, Rubión, Ortigueira, A Coruña, Xinzo, Coruxo, Brión, Rianxo, Xinzo (Ponteareas), PonteLedesma, Betanzos, Ferrol, Silleda, Vilagarcía, Celanova, Narón, Meira (Lugo), Belesar, Bembrive, Pobra do Caramiñal, Castrelo-Cambre, Viveiro, Salcedo, Antas de Ulla, Torroso-Mos, Cambre, Santadega (Coles), Goián, Cedeira, Lira de Rivadavia, Ordes, Rubiós, Sada, Beade (Vigo), Outeiro de Rei, San Miguel de Oia, Valladares, Beade e Vincios.
Isabel Maria Rubio
A directora desta banda de carácter temporal é Isabel María Rubio, natural de Murcia e que dirixe, na actualidade, a Banda de Música de Lalín. Ademais é profesora de Análise Musical, Coro, Banda, Percusión e Música de Cámara no Conservatorio Profesional de Música da mesma localidade pontevedresa.
Foi seleccionada o ano pasado para edición WMC Kerkrade International Conducting Competittion 2017 en Holanda e ese mesmo ano puido dirixir a Banda Municipal de Bilbao como gañadora do Concurso de Dirección, celebrado en outubro de 2016.