Nova: A Cidade da Cultura convida a dous Magostos no Gaiás coa música de Susana Seivane e de Luís Emilio Batallán

20/10/2017

A Cidade da Cultura convida a dous Magostos no Gaiás coa música de Susana Seivane e de Luís Emilio Batallán

En ambos degustaranse diferentes petiscos elaborados con castaña, grazas á colaboración da Indicación Xeográfica Protexida Castaña de Galicia e AGADIC

A primeira cita será o 11 de novembro e contará coa depurada técnica e estilo xenuíno dunha das nosas gaiteiras máis coñecidas

O autor de Aí vén o maio repasará o 18 de novembro os seus temas máis representativos e amosará as súas últimas composicións

 

  • A Cidade da Cultura de Galicia convida este ano a gozar non dun, senón de dous ‘Magostos no Gaiás’
  • A Cidade da Cultura de Galicia convida este ano a gozar non dun, senón de dous ‘Magostos no Gaiás’
  • A Cidade da Cultura de Galicia convida este ano a gozar non dun, senón de dous ‘Magostos no Gaiás’

Santiago de Compostela, 19 de outubro de 2017.- A Cidade da Cultura de Galicia convida este ano a gozar non dun, senón de dous Magostos no Gaiás os vindeiros 11 e 18 de novembro, coa música de Susana Seivane e Luís Emilio Batallán, respectivamente, grazas á colaboración da AGADIC; e cunha protagonista que nunca pode faltar, a castaña. Desta vez, degustarase dun xeito orixinal, en diferentes petiscos que a levarán como ingrediente principal coa colaboración da Indicación Xeográfica Protexida Castaña de Galicia.

O Museo Centro Gaiás será de novo o escenario destes dous Magostos que comezarán, ambos os dous sábados, ás 20 horas coa degustación de tres tipos de petiscos diferentes, pero que terán en común que levan como ingrediente básico a castaña. Tras a degustación, a música poralle banda sonora a festa máis popular do outono galego.

 

Susana Seivane

Para abrir a primeira cita dos Magostos no Gaiás contaremos cun dos apelidos con máis prestixio e sona dentro do mundo dos gaiteiros e artesáns de gaitas de Galicia, Seivane.

Susana Seivane, á que lle precede a sona da súa depurada técnica, consegue da gaita un estilo xenuíno que, lonxe de perder de vista o aire enxebre dos antigos gaiteiros, ábreo ás influencias doutras músicas.

A música tradicional acada nas súas actuacións un enfoque fresco e orixinal. Unha mestura áxil e moderna que afonda a súa raizame no máis profundo da tradición galega, deixando arrolar a súa ramaxe nos ventos dos novos tempos.



Luis Emilio Batallán

Curros Enríquez, Celso Emilio Ferreiro, Ramón Cabanillas, Rosalía de Castro e Álvaro Cunqueiro, estarán presentes na segunda e derradeira cita dos Magostos do Gaiás na voz de Luís Emilio Batallán.

O autor de Aí ven o maio, disco do que se venderon máis de cincocentos exemplares en 1975, fará para esta ocasión un percorrido polos seus temas más coñecidos e tamén polos seus últimos traballos

 

Entradas

As entradas para cada un dos Magostos no Gaiás poden adquirirse de xeito anticipado no Museo Centro Gaiás e nos puntos de venda físicos de Ataquilla por 5 euros e en www.Ataquilla.com (+gastos de xestión) e no mesmo día na billeteira por 6 euros. Ademais, existe a posibilidade de facerse coa entrada para asistir aos dous festexos coa promoción de 8 euros para ambos (+gastos de xestión, no caso de mercalas a través de www.Ataquilla.com).

De igual xeito, e como en todos os eventos culturais da Cidade da cultura, existen diferentes promocións e descontos para colectivos especiais que se poden consultar en www.cidadedacultura.gal.

 

Comparte