Nova: O festival Revenidas de Vilaxoán presenta a súa 14ª edición

01/08/2017

O festival Revenidas de Vilaxoán presenta a súa 14ª edición

O festival terá lugar do 18 ao 20 de agosto coa participación de 26 grupos, unha quincena deles galegos

O evento é por sexto ano consecutivo adxudicatario das axudas da Axencia Galega das Industrias Culturais para festivais musicais e de artes escénicas, do que en 2017 se beneficiaron 20 encontros de toda Galicia

  • Cartel do Revenidas 2017 Cartel do Revenidas 2017
  • O director da Agadic, Jacobo Sutil, participou na presentación que tivo lugar no parque Dona Concha da localidade arousá O director da Agadic, Jacobo Sutil, participou na presentación que tivo lugar no parque Dona Concha da localidade arousá

Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 1 de agosto de 2017.- A organización do Revenidas de Vilaxoán, no concello de Vilagarcía de Arousa, presentou hoxe a programación completa da súa décimo cuarta edición, para a que conta co apoio económico da Xunta de Galicia a través das subvencións a festivais de música da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). A cita terá lugar do 18 ao 20 de agosto coa participación de 26 grupos de moi diferentes estilos que van do ska e o punk ata o folk e a electrónica.

O director da Agadic, Jacobo Sutil, participou na presentación que tivo lugar no parque Dona Concha da localidade arousá, onde se desenvolverán as actividades paralelas do festival, pensadas para todos os públicos. Interviñeron tamén Xoán Quintáns, director do evento, e os representantes do resto de institucións colaboradoras: Alberto Varela, alcalde de Vilagarcía de Arousa; Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra; Xosé Leal, deputado provincial de Cultura, e Sonia Outón, concelleira de Cultura, ademais do músico Xurxo Souto.

Sutil explicou que o Revenidas é adxudicatario das axudas da Agadic a festivais de música e de artes escénicas desde a posta en marcha deste programa de subvencións en 2012. En 2017 son 20 os eventos beneficiarios deste apoio, a través do que a Xunta destina 390.000 euros á consolidación do mapa galego de festivais profesionais, así como á creación de públicos e á dinamización da contratación artística, con especial atención á produción musical de Galicia.

Representación galega



Segundo o director da Agadic, a representación galega é especialmente significativa no cartel deste XIV Revenidas, con 15 bandas como Dakidarría, Terbutalina, De Vacas, Voodoo ou Doen. “Comparten cartel con destacados grupos do resto de España, Arxentina, Hungría ou Reino Unido e, de seguro, darán boa conta da gran variedade e calidade do actual panorama musical de Galicia”, continuou.

Co sobrenome de O Festival das Linguas, o encontro contará con dous escenarios no recinto dos concertos, no que actuarán tamén grupos como Skindred, La Pegatina, Riot Propaganda ou Bohemian Betyars. Os bonos e entradas por días poden adquirirse na páxina web do festival ou fisicamente nos establecementos autorizados. Ademais, a organización habilitará varias zonas de acampada libre para as persoas que dispoñan destes bonos.



Pola súa banda, no parque Dona Concha, no porto de Vilaxoán, terá lugar a meirande parte das actividades de balde para todos os públicos. Destacan entre elas a Sardiñada Popular, as propostas Estrelas Michelín e a gala solidaria, xunto con diferentes obradoiros e pasarrúas.

Comparte