Nova: A Filmoteca de Galicia aborda o esperpento no cinema español

17/11/2016

A Filmoteca de Galicia aborda o esperpento no cinema español

Os filmes de Edgar Neville ‘Verbena’ (1941) e ‘La torre de los siete jorobados’ (1944) abrirán  esta programación nunha sesión de entrada libre que será presentada polo seu comisario, José Luis Castro de Paz

Este especial afonda nunha transformación ética e estética de certo cinema feito en España, semellante á levada a cabo no seu tempo polo escritor galego
 

  • Fotograma de Plácido

A Coruña, 17 de novembro de 2016.- O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia) súmase á conmemoración do 150º aniversario do nacemento de Ramón María del Valle-Inclán cun ciclo de oito filmes a través dos que se dá conta da irrupción do esperpento no cinema español. Búscase establecer, deste xeito, un paralelismo entre a transformación ética e estética de certo tipo de cine na posguerra e a levada a cabo no seu tempo polo impulsor do esperpento como xénero literario.

O historiador do cine José Luis Castro de Paz, comisario do ciclo, presentará a sesión coa que comezará hoxe, ás 20.30 horas, na sede coruñesa do CGAI. Farao con dous filmes de Edgar Neville –‘Verbena’ (1941) e ‘La torre de los siete jorobados’ (1944)– nos que se percibe xa o xermolo dunha corrente marcada tanto pola influencia de Valle-Inclán como polo seu contexto histórico.

Tras estes primeiros pases, o programa ‘Máis aló da adaptación: a irrupción do esperpento no cine español’ proxectará o 1 de decembro ‘Entierro de un funcionario en primavera’ (1958), de José María Zabalza, e ‘El inquilino’ (1957), de José Antonio Nieves Conde, títulos que Castro de Paz enmarca nesta tendencia como “fitos de excepcional importancia” que son a miúdo desprezados pola crítica e a historiografía.

‘El pisito’ e ‘Plácido’

A penúltima xornada terá como fío condutor o decisivo papel que no esperpento cinematográfico xogou o guionista Rafael Azcona, en colaboración con grandes realizadores. É o caso de ‘El pisito’ (1959), de Marco Ferreri, e ’Plácido’ (1961), de Luis García Berlanga, os dous filmes que poderán verse no CGAI o 20 de decembro.

Ambas películas poden situarse no cumio desta transformación cinematográfica xunto con ‘El mundo sigue’ (1963), filmada por Fernando Fernán-Gómez e que se programará o 21 de decembro. Ese mesmo día exhibirase tamén ‘Luces de bohemia’ (1985), a adaptación cinematográfica da coñecida obra teatral de Valle-Inclán dirixida por Miguel Ángel Díez.

Comparte