Nova: A Xunta programa este verán máis de 3.600 actividades de interese cultural na antesala do Xacobeo 2027
15/06/2026
A Xunta programa este verán máis de 3.600 actividades de interese cultural na antesala do Xacobeo 2027
- O Consello avalía o informe coas accións da segunda edición da campaña ‘Para gustos, cultura’ que se desenvolverán de xuño a setembro en 200 concellos
- Trátase dunha oferta plural, diversa e descentralizada que aumenta con respecto ao 2025 en liña coa promoción do sector cultural galego ás portas do Ano Santo
- A programación está impulsada pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude con proxectos propios e en colaboración con outras áreas do Goberno autonómico, así como coas administracións locais e con entidades privadas
- A axenda abrangue un milleiro de funcións con circuítos de teatro, danza, música, maxia, circo ou produción audiovisual e máis de 1.300 propostas de dinamización entre centros museísticos, bibliotecas e outros espazos
- Destacan as máis de 600 opcións vencelladas a festivais de distintas tipoloxías, os 300 espectáculos de ‘Cultura no Camiño’ ou as 400 iniciativas das Feiras do Libro
- Os grandes concertos, as festas de interese turístico, o calendario do Gaiás ou os ciclos relacionados co fomento da lingua son outros dos puntos a resaltar
A Xunta de Galicia programa este verán máis de 3.600 actividades culturais que se estenderán por 200 concellos na segunda edición da campaña Para gustos, cultura, que aumenta a súa oferta dando conta do bo momento que vive o sector galego neste eido e do seu impulso de cara a celebración do vindeiro Xacobeo 2027. Así o informou hoxe o Consello, onde se avaliou o conxunto de propostas que se desenvolverán por todo o territorio entre xuño e setembro.
Trátase dunha programación impulsada pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude que abrangue tanto proxectos propios como outras propostas que son froito do traballo transversal cos distintos departamentos do Goberno galego e en colaboración con outras administracións públicas e entidades privadas. Neste senso, consolídase a evolución dunha axenda que o ano pasado lle deu continuidade ás campañas estivais anteriores, desenvolvidas no 2023 e no 2024 baixo o nome de CulturOn, cando se levaron a cabo 2.500 e 2.700 accións respectivamente, e pola que se apostou no 2025 cun salto cualitativo e cuantitativo, acadando as 3.400 iniciativas.
Con esta nova campaña o Executivo autonómico encara o vindeiro Ano Santo dando mostra do seu compromiso cun sector, o cultural, estratéxico para a Comunidade, asumindo un papel proactivo na xeración de contidos e poñendo en valor así multitude de expresións artísticas que abranguen desde as grandes citas a outras de pequeno formato. Faino cunha oferta diversa, plural, descentralizada e destinada a todos os intereses e todos os públicos en liña coa Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia. Deste xeito, ponse o foco na cativada e a mocidade, nas familias e na xente de maior idade, chegando a todo o territorio, con especial sensibilidade no rural.
Cómpre destacar que nos vindeiros días vaise pór en marcha en medios de comunicación e redes sociais a campaña para informar detalladamente da oferta e chegar á maior cantidade de poboación posible, incorporando recomendacións diarias e resumos semanais. Ademais, a programación pode consultarse na Axenda de Cultura de Galicia.
Circuítos consolidados
Ao abeiro de Para gustos, cultura, neste 2026 organízanse un milleiro de actividades que teñen que ver coas artes escénicas, a música ou a produción audiovisual, con distintos circuítos que van desde o teatro e a danza, á maxia ou ao circo, con especial fincapé nos espectáculos de rúa.
Neste senso, cómpre salientar o programa Cultura no Camiño, que percorre os concellos das rutas xacobeas con multitude de funcións, superando as 300, para todo tipo de público, con especial atención ao familiar. Tamén outro recoñecido ciclo, Danza 3, ten programadas 14 citas para os próximos meses, que se unen á programación musical en salas e ás funcións na Rede de Teatros e Auditorios de Galicia.
Os meses de verán supoñen tamén unha boa oportunidade para achegarse a proxectos escénicos de calidade, un eido no que cobra especial protagonismo o Centro Dramático Galego, a unidade teatral da Xunta, que pon sobre as táboas 37 actuacións coa coprodución Ñiquiñaque como protagonista. Mentres, no que ten que ver co audiovisual desenvolverase un ciclo de proxección de curtametraxes en galego.
Máis de 600 accións en festivais
A música, en todos os seus estilos, xéneros e formatos, é unha das disciplinas principais da oferta de verán da Xunta, cun calendario que vai desde a música tradicional galega e a aposta polo talento emerxente da Comunidade e artistas máis consolidados, ata artistas internacionais.
Así, o público poderá gozar dos concertos de Milladoiro, Luar na Lubre, Emilio Rúa ou Uxía ou dunha nova edición de Atardecer no Gaiás, con 15 concertos nos exteriores da Cidade da Cultura. A esta programación únense os grandes festivais que se celebran baixo a marca Concertos do Xacobeo, con carteis que nos achegan centos de actuacións galegas, nacionais e internacionais, do mesmo xeito que as 88 festas de interese turístico que se celebran en Galicia este verán atraerán numerosas citas musicais xunto con outras propostas culturais.
Ademais das citas musicais, a campaña acolle unha ampla tipoloxía de festivais que teñen que ver co teatro, a literatura, o audiovisual ou a narración oral, entre outras modalidades, artellándose deste xeito entre toda a oferta máis de 600 iniciativas ao seu redor. Un exemplo destas propostas é o Festival Atlántica de narrativa, os literarios como o Festivalle ou a Festa da Palabra na Ínsua dos Poetas, o FIC Bueu de cinema, ou os de artes escénicas como a Mostra de Teatro de Ribadavia ou o Festival Agustín Magán de Teatro Afeccionado.
Dinamización en centros museísticos e bibliotecas
Entre as máis de 1.300 actividades de dinamización cultural que se impulsan e apoian desde a Dirección Xeral de Cultura en moi diversos espazos de todo o territorio, destacan as 500 accións desenvolvidas a través dos museos, arquivos e bibliotecas que xestiona directamente a Xunta.
Así, nestes equipamentos, ademais de obradoiros e un amplo programa de visitas guiadas, poderanse visitar durante a época estival preto de 30 exposicións entre as que destacan Voces do Pacífico. Innovación e tradición, na Cidade da Cultura, cunha escolma de máis de 200 obxectos da colección do British Museum; Illa Ignorada, no Centro Galego de Arte Contemporánea, ou Habana Mater. 2003-2023. Luis Gabú, no Museo de Belas Artes da Coruña.
Pola súa banda, ao abeiro dos centros da Rede de Bibliotecas Públicas ofrécense numerosas propostas de lecer, campamentos e accións de animación á lectura, entre as que destaca o programa Ler conta moito, co obxectivo de fomentar o hábito lector entre a cidadanía. Ademais, A Furgoteca, o servizo de bibliotecas móbiles, achega estas actividades a 30 municipios das provincias de Lugo e Ourense a través das súas tres rutas.
Lingua, lectura e apoio á creación artística
Ademais, unha das claves da tempada de verán é favorecer a presenza do galego con iniciativas como Falaredes, que porá en marcha ao redor de 30 propostas entre monólogos e pezas teatrais. A isto súmanse os relatorios Toponimízate, que falarán sobre os nomes dos lugares de Galicia.
Ademais, a programación complétase con máis de 400 propostas nas oito Feiras do Libro que se celebran durante o verán e coas residencias artísticas, nas que as persoas participantes poden desenvolver e compartir os seus coñecementos. É o caso das Residencias literarias de San Simón e as da Cidade da Cultura.
