Nova: López Campos gaba “o labor das rondallas na preservación dun legado inmaterial tan valioso”

17/01/2026

López Campos gaba “o labor das rondallas na preservación dun legado inmaterial tan valioso”

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude asistiu á oitava edición do certame que abrangue a área metropolitana de Vigo e que contou este ano con 17 agrupacións

Lembra que a cita conta “co apoio do Goberno galego pola promoción e difusión que fai da música e a cultura popular”

Vigo, 17 de xaneiro de 2026

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, acompañado polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, asistiu hoxe ao VIII Concurso de Rondallas da Área Metropolitana de Vigo, no que este ano participaron 17 agrupacións, tres máis que na anterior edición, e onde destacou que a cita “volve contar co apoio do Goberno galego no marco do noso compromiso coa preservación e a posta en valor deste patrimonio inmaterial”.

Así, resaltou “o papel destas agrupacións na promoción e difusión da música e da cultura popular” e gabou “o labor da Federación, clave na preservación dun legado tan valioso”. Ademais, lembrou a recente estrea da película Rondallas, dirixida por Daniel Sánchez Arévalo, “que filmou algunhas escenas precisamente durante o certame do ano pasado e que acaba de ampliar a visibilidade desta tradición coas candidaturas aos Premios Goya”.

Neste senso, López Campos fixo fincapé en que “a comarca de Vigo é hoxe a capital da cultura popular, amosando como esta zona conxuga a cultura de vangarda sen esquecer a cultura máis tradicional e arraigada, parte da nosa Galicia Calidade”.

Na cita tomaron parte formacións de Vigo, Mos, O Porriño, Gondomar, Nigrán, Tui, Baiona e Redondela, sendo estes dous concellos novidade nesta edición, contando con arredor de 100 compoñentes cada unha, e integrando características propias do patrimonio rondalleiro como son os diferentes tipos de música que combinan, a vestimenta de cada agrupación e o seu xeito específico de desfilar.

Comparte