Nova: Belén do Campo destaca que a Xunta impulsa a eficiencia enerxética na biblioteca e na sala museo da Casa da Cultura de Corcubión mellorando o servizo á cidadanía

12/01/2026

Belén do Campo destaca que a Xunta impulsa a eficiencia enerxética na biblioteca e na sala museo da Casa da Cultura de Corcubión mellorando o servizo á cidadanía

O Concello contou  cunha achega do Goberno galego de 27.000 euros para a instalación dun sistema de bomba de calor que permite reducir de maneira significativa o consumo enerxético e as emisións de dióxido de carbono

Esta biblioteca recibe outros preto de 4.000 euros para adquisición de novidades editoriais e para a dinamización da lectura

Corcubión (A Coruña), 12 de xaneiro de 2026

A delegada da Xunta, Belén do Campo, acompañada polo director territorial da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, Severino Álvarez, visitou hoxe as melloras que se executaron na biblioteca municipal e na sala museo da Casa da Cultura de Corcubión dentro da convocatoria da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para concellos, destinada a mellorar o equipamento e as instalacións e locais utilizados para a realización de actividades culturais en concurrencia competitiva. Concretamente, este Concello recibiu unha achega de 27.000 euros para levar a cabo o seu proxecto.

A obra consistiu en dotar a estes espazos dun sistema de calefacción eficiente e respectuoso co medio ambiente, substituíndo o actual sistema, obsoleto e de alto consumo, baseado en resistencias eléctricas. Con esta actuación, ademais, deuse solución a un grave problema do anterior sistema de calefacción, cunha potencia total moi elevada e pouco eficiente, o que supoñía un importante custo en electricidade para as arcas municipais e unha deficiente calefacción destes espazos, o que provocaba un mal servizo aos usuarios, especialmente no caso da Biblioteca Municipal, integrada na Rede de Bibliotecas de Galicia, que rexistra un uso continuado ao longo do ano.

A intervención contemplou a instalación dun sistema de bomba de calor, unha fonte de enerxía renovable que aproveita a calor existente no aire, o que permite reducir de maneira significativa o consumo enerxético e as emisións de dióxido de carbono. O novo sistema aproveita a unidade exterior do salón de actos da Casa da Cultura (un amplo espazo escénico con capacidade para máis de 350 persoas) para instalar 8 unidades interiores (4 na biblioteca e outras 4 na sala museo)

Esta actuación enmárcase nunha estratexia de rehabilitación sustentable do edificio, respectuosa co contorno, adaptada ás súas condicións e orientada ao aforro de recursos mediante o uso de materiais de baixo impacto ambiental, ao tempo que contribúe a prolongar a vida útil do inmoble e a reducir a súa pegada de carbono.

O proxecto permite unha mellora notable da eficiencia enerxética, reducindo de forma drástica o consumo de enerxía primaria non renovable e as emisións contaminantes asociadas e mellorando a calidade do servizo que se presta á cidadanía,

Axudas 2025

A delegada da Xunta lembrou, na visita, que o Goberno galego impulsou estas axudas para a mellora de equipamentos culturais, na convocatoria de 2025, co apoio  na comarca de Bergantiños-Costa da Morte a cinco concellos, Corcubión, Muxía, Cee, Zas e A Laracha, por un importe total de 71.000 euros. Na provincia da Coruña recibiron estas achegas 22 concellos por un importe de máis de 201.000 euros e en Galicia se melloraron 44 infraestruturas, cun orzamento de 500.000 euros destinado a actuar en bibliotecas, arquivos e locais culturais municipais para modernizar estes espazos. Estas axudas serven para sufragar gastos de reformas, obras de ampliación, mellora da accesibilidade e tamén para a adquisición de equipamento como material escénico, iluminación, son ou audiovisual.

Outras axudas de dinamización e dotación de bibliotecas

A Biblioteca Municipal de Corcubión, a través do Concello, tamén recibiu máis axudas de preto de 2.000  euros en total, unha para a adquisición de novidades editoriais en galego en formato físico, de case 400 euros, e outra achega de 780 euros para a mellora das súas coleccións bibliográficas. Belén do Campo tamén destacou outro apoio de máis de 800 euros destinado á realización de actividades de dinamización da lectura.

Compromiso Xunta coa Cultura

A delegada da Xunta subliñou que “todas estas actuacións enmárcanse no compromiso da Xunta por mellorar e impulsar o equipamento das instalacións culturais e garantir o acceso á cultura a todos os galegos e galegas”. Belén do Campo puxo en valor a programación cultural e educativa impulsada nestes espazos, fundamentais para o fomento da lectura e o acceso á cultura en igualdade de condicións.

Durante a visita, tamén destacou o compromiso do Goberno galego co impulso da lectura e das bibliotecas públicas, que se reflicte nos 2,45 millóns de euros consignados nos orzamentos para 2026. Tal e como explicou, Belén do Campo, este ano presentarase o terceiro Mapa de Bibliotecas Públicas de Galicia, unha ferramenta de avaliación e diagnóstico que permitirá seguir mellorando os servizos bibliotecarios e a coordinación entre os centros da rede.

Comparte