Nova: Ángel Miramontes pon en valor “o labor do Observatorio de innovación no estudo e divulgación do noso patrimonio”
11/12/2025
Ángel Miramontes pon en valor “o labor do Observatorio de innovación no estudo e divulgación do noso patrimonio”
O organismo presenta o seu primeiro proxecto que analiza a educación patrimonial no rural galego e fixa liñas de traballo neste eido
O director xeral de Patrimonio Cultural destaca a importancia “dun espazo que se configura como centro de análise e seguimento de iniciativas do patrimonio cultural”
O acto inclúe a presentación de catro experiencias de éxito neste ámbito
Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2025
O director xeral de Patrimonio Cultural, Ángel Miramontes, puxo hoxe en valor “o labor do Observatorio da Innovación do Patrimonio Cultural no estudo e coidado dun dos nosos maiores tesouros”. Fíxoo na presentación esta mañá na Cidade da Cultura do primeiro proxecto deste organismo denominado Estudo e diagnose propositiva sobre a Educación Patrimonial no ámbito rural galego.
Tal e como explicou o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, este estudo analiza a realidade para detectar que está a funcionar, que boas prácticas se poden escalar e posibles oportunidades co obxectivo de fixar liñas de traballo neste eido do patrimonio cultural. Así mesmo, Ángel Miramontes fixo fincapé “na importancia dun órgano que se configura como centro de análise, reflexión e seguimento deste tipo de iniciativas”.
A cita incluíu a presentación de catro experiencias innovadoras na educación patrimonial rural. Trátase dun proxecto de educación patrimonial integrada no currículo escolar en Vedra Medra (A Coruña), de programas educativos desenvoltos desde o Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro (Pontevedra), do Museo da Identidade Cultural Galega (Lugo), un museo ao aire libre baseado na fotografía, memoria colectiva e participación comunitaria, e da iniciativa Mulleres como símbolo do patrimonio no rural da Asociación Escola Rural de Saúde da Limia (Ourense).
Cómpre lembrar que o Observatorio da Innovación do Patrimonio Cultural, posto en marcha o pasado outubro, busca identificar iniciativas innovadoras, avaliar os principais datos vencellados co patrimonio, difundir e compartir as boas prácticas, emitir recomendacións e activar redes de colaboración entre administracións, institucións e comunidades locais para crear sinerxías e proxectos colaborativos.
Para conseguilo, entre as funcións desta ferramenta está monitorizar o panorama galego, recompilar datos, facer comparativas, responder consultas, favorecer a organización de encontros, propiciar o traballo en rede con outros observatorios e impulsar a divulgación e a comunicación a través de publicacións de novas, boletíns e informes. Ademais, esta iniciativa pon á disposición da cidadanía e da comunidade profesional dúas canles complementarias de participación, accesibles a través do seu espazo web oficial.
