Nova: A Xunta abre a consulta pública a nova Lei de Bibliotecas e do Patrimonio Bibliográfico de Galicia
04/12/2025
A Xunta abre a consulta pública a nova Lei de Bibliotecas e do Patrimonio Bibliográfico de Galicia
A normativa busca renovar a regulación destes centros e o seu valor dentro do ecosistema cultural galego tendo en conta os cambios sociais das últimas décadas
Os interesados en enviar achegas, propostas e opinións xa o poden facer no Portal de Transparencia
Santiago de Compostela, 4 de decembro de 2025
A Xunta de Galicia abre a consulta pública a nova Lei de Bibliotecas e do Patrimonio Bibliográfico de Galicia. Trátase do primeiro paso dado polo Goberno galego para actualizar o actual texto da Lei de Bibliotecas de Galicia e adaptalo á realidade.
Neste senso, tanto a cidadanía como as organizacións vencelladas á actividade bibliotecaria poderán enviar as súas achegas, propostas e opinións a través do Portal de transparencia ata o 3 de xaneiro.
Cómpre lembrar que na actualidade estes espazos están regulados pola Lei 5/2012, do 15 de xuño, de bibliotecas de Galicia, que mantivo en gran parte a vixencia do Decreto 41/2001, do 1 de febreiro, de refundición da normativa en materia de bibliotecas. Así, esta normativa xorde da necesidade de regular estes centros e o seu valor dentro do ecosistema cultural galego tendo en conta os cambios sociais na xestión de información derivados da sociedade do coñecemento, da dixitalización e da Intelixencia Artificial.
Por outra banda, o texto legal pretende ampliar a regulación do patrimonio bibliográfico de Galicia e a súa preservación, como elementos da produción bibliográfica, sonora, visual, audiovisual e dixital, producida ou editada na nosa comunidade. Deste xeito, búscase regular os dereitos e obrigas das institucións e dos seus titulares para fomentar a súa protección, o seu acceso universal e gratuíto a través de novos recursos semánticos, capaces de enlazar datos para mostrar informacións máis amplas, accesibles e veraces.
