Nova: A Xunta patrocina o encontro de ‘Circo D10!’, que cumpre unha década con espectáculos, formación e encontros profesionais

21/11/2025

A Xunta patrocina o encontro de ‘Circo D10!’, que cumpre unha década con espectáculos, formación e encontros profesionais

A iniciativa, organizada por Pistacatro co apoio da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, celébrase desde o domingo ao 2 de decembro en Santiago e Pontevedra

A carteleira para o público inclúe cinco montaxes, tres delas no Salón Teatro, entre as que destaca a estrea de ‘ Woman. Artist.’, de Marianna De Sanctis

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais destacou na rolda de prensa de presentación o grao de excelencia do circo contemporáneo en Galicia

Santiago de Compostela, 21 de novembro de 2025

A 10ª edición do Encontro de Formación e Innovación en Circo D10! celebrarase do 23 de novembro ao 2 de decembro con distintas actividades de capacitación e intercambio profesional, así como unha carteleira de espectáculos que lle amosarán ao público a versatilidade e variedade desta disciplina escénica. Santiago de Compostela e Pontevedra acollerán o programa deseñado para o décimo aniversario desta iniciativa pola compañía Pistacatro, que contou co patrocinio da Xunta de Galicia para a súa organización.

O compostelán Salón Teatro, unha das sedes do evento, acolleu hoxe a rolda de prensa de presentación de D10! coa participación de Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais; Belém Brandido, Pablo Reboleiro e Aitor Garuz, en representación de Pistacatro; Antón Coucheiro, pola Asociación de Profesionais do Circo de Galicia (APCG); e Xaquín López, director xerente do Auditorio de Galicia.

Durante a súa intervención, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude salientou que o D10! cumpre unha década consolidado como unha das grandes citas profesionais do país, “un espazo que combina exhibición, formación e diálogo para reforzar e expandir o ecosistema do circo contemporáneo, unha disciplina na que –expresou– Galicia destaca especialmente polo grao de excelencia acadado e o número de profesionais dedicados”.

Impulso ao sector

Sutil subliñou que o Goberno galego “segue a impulsar o sector non só a través das liñas de apoio á produción e á exhibición, senón tamén mediante accións formativas especializadas como esta, que permiten o acceso a novas ferramentas e o coñecemento doutras propostas”. Felicitou, ademais, a Pistacatro polo seu labor continuado no impulso á creación actual neste ámbito, recoñecido co Premio Nacional de Circo 2025 e tamén co da Cultura Galega en 2023.

Así mesmo, destacou o éxito de público acadado pola última produción do Centro Dramático Galego, A serie clopen, con dirección de escena de Pablo Reboleiro, primeira produción propia en novo circo por parte compañía pública, que vén de rematar a súa xira por Galicia e Portugal.

A 10ª edición do D10! celebrarase entre o 23 de novembro e o 2 de decembro en distintos espazos de Santiago de Compostela e de Pontevedra, cidade que acolle parte deste evento no marco da feira Culturgal. Trátase dunha completa programación que reúne propostas escénicas, procesos formativos e encontros profesionais arredor das novas linguaxes do circo contemporáneo. A cita inclúe tamén  a celebración da segunda edición dos Premios Manu Lago, organizada pola APCG, que recoñece o talento emerxente e consolidado do circo galego. A cerimonia de entrega terá lugar o 28 de novembro ás 20,00 h. no Salón Teatro, converténdose nun dos momentos centrais desta edición do D10!.

Así, o D10! visibilizará o resultado dunha década de traballo no fortalecemento do circo contemporáneo en Galicia, froito da colaboración entre compañías, institucións e profesionais.

Espectáculos de estrea en Galicia

A carteleira escénica preparada para o público reúne cinco espectáculos, todos de estrea en Galicia, con propostas que combinan humor físico, risco, dramaturxia e investigación visual.

O Salón Teatro acollerá o 25 de novembro Mother. Woman. Artist., da artista italiana Marianna De Sanctis, unha peza íntima e irónica sobre identidade, maternidade e creación que se estrea na península ibérica. O día 26 chegará Àngela, da compañía catalá Silvia Capell. En Diciembre, unha peza que mestura humor, texto e mastro chinés nunha conferencia escénica sobre o desexo de voar e as ausencias; e o día 27 será a quenda de Caída libre para persoas con vertixe, creación que utiliza a caída como metáfora das relacións afectivas. As tres funcións serán ás 20,30 horas.

Pola súa banda, o Auditorio de Galicia ofrecerá  o 28 de novembro ás 20,30 h. Glatir, da compañía Ateneu 9Barris, espectáculo familiar que reflexiona sobre tradición e comunidade a través de mastro, trapecio fixo, washington, verticais e acrodanza. O día 30, ás 18,00 h., no mesmo escenario representarase Llar, de Federico Menini, unha creación que explora a relación entre arquitectura, equilibrio e construción de espazos a través da manipulación de estruturas de madeira. As dúas propostas forman parte, á súa vez, do ciclo Circo a escena que conta con financiamento do Ministerio de Cultura.

Laboratorios e actividade para profesionais

A dimensión formativa do encontro inclúe tres laboratorios especializados: unha nova fase do proceso de creación internacional coa Granerie de Toulouse; un laboratorio de portés acrobáticos impartido pola compañía Circo EIA; e un taller de malabarismo contemporáneo dirixido por Yann Virot. A Cidade da Cultura de Galicia colabora tamén con D10! como espazo de celebración destes obradoiros.

As actividades de debate e reflexión regresan por segundo ano a Culturgal, onde terán lugar os Circo Cafés, coloquios dedicados, desta volta, ao Estatuto do artista, ás novas perspectivas artísticas do circo e ás prácticas do movemento aéreo contemporáneo a través dun diálogo escénico con Paula Quintas e Vivian Friedrich.

Comparte