Nova: A Xunta abrirá o Foro internacional ‘Sinte’ cunha conferencia do autor de creacións dixitais para o Gran Museo Exipcio, a NASA, Google ou Nike

17/11/2025

A Xunta abrirá o Foro internacional ‘Sinte’ cunha conferencia do autor de creacións dixitais para o Gran Museo Exipcio, a NASA, Google ou Nike

O cofundador e director de Ouchhh Studio, Ferdi Alici, incorpórase a un programa con máis dunha vintena de destacadas figuras da arte e cultura dixital a nivel nacional e internacional, procedentes de Francia, Italia, Turquía, Portugal ou O Xapón

O Gaiás acolle o I Foro ‘Sinte’ este 20 e 21 de novembro, cun programa que ademais de conferencias inclúe espectáculos de artistas de referencia internacional como o creador dixital francés Maotik e o coreógrafo e bailarín xaponés Hiroaki Umeda

O foro encádrase na aposta do Goberno galego por un sector emerxente no que Galicia aspira a situarse na vangarda co Centro de Artes Dixitais, que prevé a súa posta en marcha na Cidade da Cultura no segundo semestre de 2026

Santiago de Compostela, 17 de novembro de 2025

O programa do Foro internacional de arte e cultura dixital, Sinte, incorpora unha conferencia plenaria do cofundador e director de Ouchhh studio, Ferdi Alici, figura de referencia mundial no eido da arte dixital que asinou instalacións para institucións, museos e empresas como o Gran Museo Exipcio no Cairo, o Museo Mori de Toquio, Google, Nike, Audi a NASA ou o CERN, entre outros. Alici súmase así á máis dunha vintena de figuras de relevancia internacional —procedentes de países como Francia, Italia, Turquía, Portugal ou O Xapón— que compoñen o programa dun encontro que celebra a súa primeira edición este 20 e 21 de novembro na Cidade da Cultura.

Sinte encádrase na aposta da Xunta polas artes dixitais, sector punteiro e importante motor económico no que Galicia aspira a situarse na vangarda coa construción no Gaiás do Centro de Artes Dixitais. Este equipamento, que remata as súas obras este ano e prevé a súa posta en funcionamento no segundo semestre de 2026, proponse converter a Cidade da Cultura en banco de experimentación con tecnoloxías e plataformas presentes e futuras, xerando oportunidades para a innovación no eido cultural.

Encadrado nesta estratexia, Sinte nace como un evento público pioneiro, creado coa vontade de converterse en espazo de referencia no Norte de España desde o que impulsar a reflexión e o debate e afondar nos desafíos e nas oportunidades que as novas tecnoloxías dixitais ofrecen ás industrias culturais e creativas. Con este obxectivo, deseñouse un programa que congrega a destacadas figuras do ámbito galego, nacional e internacional, que inclúen artistas, estudos, especialistas en xestión cultural ou representantes de espazos dedicados á exhibición e á creación.

Así, o programa do encontro arrincará o xoves 20 de novembro coa conferencia plenaria do cofundador e director do estudio Ouchhh, Ferdi Alici. Con sede en Istambul e delegacións nos Ánxeles, Viena, Barcelona, París, Londres e Berlín, Ouchhh studio traballa desde hai máis dunha década na intersección entre arte, ciencia e tecnoloxía. Creou proxectos de arte dixital, pintura e escultura de datos, arte cinética e experiencias inmersivas en capitais dos cinco continentes e para centros museísticos, institucións e empresas como a NASA, Google, Mercedes, Nike, o Museo Mori de Toquio, o Museo de Arte e Ciencia de Singapur, o Museo Frost de Miami, o Mutek ou o CERN, entre outros.

O foro Sinte contará tamén coa presenza de relatores como o comisario de programación de Medialab Matadero, Bani Brusadin; a programadora e artista electrónica, galardoada co Premio Nacional de Cultura de Cataluña, Mónica Rikic; o director do espazo cultural Gnration (Braga), Luís Fernandes; o director artístico de Matadero Madrid, José Luis Romo; a produtora musical e DJ Cora Novoa; ou a investigadora e escritora Elena Neira.

Tamén artistas e directores de estudios internacionais de recoñecemento internacional, como o italiano fuse*, que compartirá co público do foro o proceso creativo dunha das súas pezas máis emblemáticas: Onirica (), instalación audiovisual que aplica a intelixencia artificial xerativa para converter en imaxes preto de 30.000 relatos de soños.

Actuacións e espectáculos

Sinte tamén permitirá gozar en primeira persoa de propostas innovadoras no ámbito da arte dixital. Así, poderá verse por vez primeira en Galicia a performance audiovisual Materia, do artista francés Maotik, unha fusión de arte e ciencia con visuais e deseño de son sincronizados en directo. O foro rematará ademais cunha dobre función do coreógrafo e bailarín xaponés Hiroaki Umeda, unha das principais figuras da escena de vangarda no país nipón cun traballo que encarna maxistralmente a fusión entre danza, movemento e novas tecnoloxías. Desde 2002, Umeda levou as súas propostas a máis de 150 cidades de 40 países, incluíndo representacións no emblemático Teatro Nacional Chaillot de París.

As entradas para asistir a estas funcións de danza aínda están dispoñibles para a súa reserva de balde a través da web da Cidade da Cultura, mentres que as prazas para os demais contidos do foro atópanse xa esgotadas. Adicionalmente, as charlas e relatorios poderán seguirse en liña a través de streaming.

Comparte