Nova: A Xunta promove unha nova intervención arqueolóxica no Castro de Fazouro, en Foz
14/11/2025
A Xunta promove unha nova intervención arqueolóxica no Castro de Fazouro, en Foz
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explica que o obxectivo é contribuír á conservación do xacemento, situado na Punta do Castro, e preservar a seguridade dos visitantes
Foz (Lugo), 14 de novembro de 2025
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude iniciou unha nova intervención arqueolóxica no Castro de Fazouro, situado na Punta do Castro do municipio de Foz, na que inviste 11.400 euros.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, explica que o obxectivo é contribuír á conservación do xacemento, declarado Ben de Interese Cultural (BIC); así como preservar a seguridade dos visitantes.
O proxecto contempla a instalación dun valo realizado a base de pivotes con corda para delimitar a área visitable, así como carteis de advertencia sobre as limitacións de acceso á área do bordo do cantil (zona N) co fin de evitar posibles accidentes por caída.
Tamén se prevé a recolocación de pedras deprendidas das cabeceiras dos muros; o retacado de paramentos sen emprego de argamasa e por presión; o reforzo das pilas do valo de recondución dos visitantes á denominada zona S ou a limpeza das estruturas mediante a eliminación manual de vexetación e aplicación de biocida.
Igualmente, acometerase a limpeza e consolidación do pavimento de opus signinum e integración do revoco orixinal. Así mesmo, realizarase unha diagnose do estado de conservación das estruturas do xacemento.
Outras actuacións
O Castro de Fazouro está situado no lugar da Punta do Castro, na parroquia de Santiago de Fazouro. O poboado aproveita unha península á que se accede a través dun istmo no que poden apreciarse dous foxos escavados na roca e un parapeto de terra.
Unha parte do poboado foi escavada e musealizada nos anos 1980 e 1990. Nos últimos anos, a Xunta promoveu actuacións de conservación e mellora das estruturas do castro, así como das varandas, escadas e muros de protección. Tamén se instalaron carteis que facilitan a visita pública deste enclave arqueolóxico, de gran valor histórico.
