Nova: A Xunta reafirma o seu apoio ao deseño como sector estratéxico na apertura do Foro Feed 2025

07/11/2025

A Xunta reafirma o seu apoio ao deseño como sector estratéxico na apertura do Foro Feed 2025

A cita, de carácter bienal, reúne profesionais, estudantes e empresas arredor das novas tendencias, a innovación e o diálogo entre os ámbitos creativo e o produtivo

O Goberno galego patrocina este encontro a través da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e coa colaboración do Instituto Galego de Promoción Económica

Santiago de Compostela, 7 de novembro de 2025

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou hoxe no acto benvida da oitava edición do Foro de Deseño FEED 2025, onde destacou o papel deste sector como “motor de innovación e competitividade para o conxunto das industrias culturais e creativas galegas”. A Xunta patrocina este encontro, organizado bienalmente pola Asociación Galega de Deseño, que reúne hoxe e mañá na Cidade da Cultura a profesionais, estudantes e empresas interesadas nas novas tendencias e retos neste ámbito.

“O Foro de Deseño é un espazo necesario para fortalecer a comunidade profesional, impulsar a reflexión e facer visible o enorme talento do deseño en Galicia”, sinalou Sutil, acompañado pola presidenta da Asociación Galega de Deseño, Raquel Boo. O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude lembrou que o apoio do Goberno galego a esta cita responde á vontade de acompañar un sector estratéxico, que “impregna o noso día a día como parte consubstancial de cada servizo ou produto, sen esquecer o seu valor propio tanto desde o punto de vista cultural, como social ou económico”.

Na súa oitava edición, o Foro de Deseño continúa apostando por tender pontes entre os ámbitos formativo, profesional e empresarial, fomentando a colaboración e o intercambio de experiencias. A súa programación estase a desenvolver arredor de relatorios, coloquios, un taller e outras actividades paralelas, co obxectivo de inspirar, reflexionar sobre os retos do sector e abrir novas vías de colaboración.

Entre as novidades desta edición figura o OFF FEED, que tivo lugar esta mañá, orientado ao alumnado das escolas de deseño. Durante a sesión, abordáronse temas clave como as licenzas tipográficas con María Ramos e Ana Moliz, o deseño accesible con Aitana García, da Federación Autismo Galicia; os avances do Arquivo do Deseño Galego con Óscar Otero e Pablo Silva, así como unha dinámica sobre perspectiva de xénero no deseño, a cargo de Uqui Permui e Paula Cantero, do grupo de traballo Gráficas en Negro da Rede Española de Asociacións de Deseño.

Conexión co tecido empresarial

A continuación, tivo lugar a sesión Diálogos para sinerxías. O papel do deseño no desenvolvemento empresarial, para a que a Asociación Galega de Deseño contou tamén coa colaboración do Instituto Galego de Promoción Económica co fin de fomentar a conexión entre o deseño e o tecido produtivo galego a través do intercambio directo de experiencias entre profesionais e empresas.

Ademais, as persoas inscritas poden asistir entre hoxe e mañá a relatorios de profesionais de distintas axencias, como Stef Silva ou Patricia Portela, directoras creativas de Invisible e Costa, respectivamente; Jorge Martínez, deseñador de información en Dataviz Cowbo; Mariola López, fundadora de LopezLab; ou o deseñador galego Miguel Leiro e os portugueses Vítor Quelhas e Horácio Marques, integrantes do proxecto internacional Luga Poster Biennale.

O programa complétase cun obradoiro sobre pensamento de futuros, impartido por Stef Silva na Fundación DIDAC, e cunha mesa redonda sobre creación e Intelixencia Artificial, na que participan Chus Rojo, Alberto Quian, Stef Silva e Carlos Lorenzo.

Comparte