Nova: Anxo M. Lorenzo destaca o poder da arte xaponesa para “fomentar o diálogo intercultural”
05/11/2025
Anxo M. Lorenzo destaca o poder da arte xaponesa para “fomentar o diálogo intercultural”
O Museo do Mar de Galicia acolle ata o 25 de xaneiro esta mostra que se achega á cultura nipoa a través dos gravados coñecidos co nome de Ukiyo-e
O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude puxo en valor a colaboración entre entidades e a implicación do Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital para levar a cabo este proxecto
Vigo, 5 de novembro de 2025
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou hoxe a exposición A beleza do efémero. A arte xaponesa a través das coleccións de Daniel Buján e Pardo-Mitsunaga, onde reafirmou o poder da arte nipoa “para fomentar o diálogo intercultural e tender pontes entre oriente e occidente”. Trátase dun proxecto que se poderá visitar no Museo do Mar de Galicia ata o vindeiro 25 de xaneiro e que ofrece unha oportunidade de achegarse á cultura nipoa a través de gravados coñecidos co nome de Ukiyo-e.
No acto de apertura, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, xunto coa delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, puxo en valor o traballo dos “grandes mestres desta disciplina” e a necesidade de “difundir manifestacións culturais que nos acercan a unha mirada diferente á nosa e vencelladas a gozar do lecer a través do efémero dos praceres cotiáns”.
Tal e como explicou Anxo M. Lorenzo, a mostra reúne un total de 97 gravados, procedentes da gran colección particular de Daniel Buján onde están representados os grandes artistas da estampa xaponesa que transitan desde o século XVII ata o XIX, e 18 pezas de distintas artes (porcelana, laca, escultura, pintura...), e que foron rigurosamente escollidas entre as magníficas obras que constitúen a exclusiva colección de Severo Pardo e Rika Mitsunaga. Neste senso, o director xeral de Cultura agradeceu a colaboración e implicación do Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital para levar a cabo este proxecto.
Cómpre destacar que a pegada da cultura xaponesa en Occidente alcanza a súa plenitude co Japonisme no século XIX e o xurdimento da Art Nouveau ou Modernismo que se inspira na meirande medida na arte deste país, na pintura dos biombos das escolas Rimpa e Kano, así como no gravado nipón Ukiyo-e e as súas visións do mundo flotante. Todo este ambiente artístico desemboca nun novo estilo de pintura, o impresionismo, que bebe directamente da pintura xaponesa e cuxos principais artistas coleccionaban avidamente gravados e obxectos xaponeses como fonte de inspiración e aspiración estética chegando ata as novas tendencias que van sobrevivindo como o fauvismo, o cubismo, a art-decó e o tachismo.
