Nova: López Campos destaca a “relevancia histórica, social e cultural” da declaración de herdeiros de Castelao, consultable no Arquivo Histórico de Pontevedra

21/10/2025
López Campos destaca a “relevancia histórica, social e cultural” da declaración de herdeiros de Castelao, consultable no Arquivo Histórico de Pontevedra
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude celebra o achado fortuíto, que considera unha “importante achega” para a recta final do ‘Ano Castelao’
O xulgado de Primeira Instancia número 1 de Pontevedra atopou este documento que agora se custodia e conserva nesta institución, dependente do Goberno galego
O expediente estará tamén na Biblioteca dixital de Galicia ‘Galiciana’ para que sexa accesible a toda a cidadanía
Pontevedra, 21 de outubro de 2025
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, destacou hoxe a “relevancia histórica, social e cultural” do expediente da Declaración de herdeiros de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, que xa está a ser custodiado no Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra e que pode ser consultado por investigadores. No entanto, adiantou que tamén estará dispoñible na Biblioteca dixital de Galicia Galiciana para que sexa accesible a toda a cidadanía.
Así o anunciou na visita a esta institución, dependente da Xunta, que é a encargada de conservalo, despois de que este documento lle fose entregado polo Xulgado de Primeira Instancia número 1 de Pontevedra, tras o achado fortuíto dun funcionario.
Acompañado polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, o representante do Goberno galego celebrou o descubrimento do expediente e interpretouno como unha “importante achega” para a recta final da programación do Ano Castelao, declarado este 2025 pola Xunta para conmemorar o 75 aniversario do pasamento do intelectual galeguista.
López Campos incidiu na importancia de poder contar con este documento “que permitirá seguir investigando e achegando aínda máis datos ao redor da figura dun dos personaxes máis senlleiros da historia política e cultural da Galicia contemporánea”. Neste senso, considerou do “máis axeitado” que a súa custodia e conservación recaia, a partir de agora, no Arquivo Provincial histórico de Pontevedra. Ao respecto, incidiu en que o expediente poderá ser consultado “seguindo, como non pode ser doutro xeito, o rigoroso protocolo establecido para este tipo de documentos”.
Programación ‘Ano Castelao’
Precisamente, o conselleiro lembrou que, ao abeiro da programación do Ano Castelao, A Xunta e o Consejo Superior de Investigaciones Científicas de Galicia dixitalizaron os fondos do Anteproxecto do Estatuto de Autonomía (1932-1936), “o que tamén supuxo dispoñer dunha importante fiestra documental a un dos procesos históricos máis relevantes de Galicia”.
Ademais, tamén apuntou que a programación do Ano Castelao do Goberno galego veuse completada coa instalación inmersiva Castelao. Mirar por Galicia, na Cidade da Cultura, que permite interactuar directamente co escritor de Rianxo, e na que tamén se reproduce a súa voz, a través do emprego da intelixencia artificial.
Así mesmo, o titular de Cultura do Goberno galego anunciou que se sumarán a estas accións de homenaxe a edición, en colaboración coa Fundación Castelao e a Editorial Galaxia, das dúas versións que deixou publicadas da súa emblemática peza teatral Os vellos non deben de namorarse. Deste xeito, será a primeira vez que se realice a publicación simultánea dunha das obras máis populares da dramaturxia galega, estreada en Bos Aires en 1941.