Nova: A Xunta promove o estudo, coñecemento e actuacións no ámbito do patrimonio coa posta en marcha do Observatorio da Innovación

16/10/2025

A Xunta promove o estudo, coñecemento e actuacións no ámbito do patrimonio coa posta en marcha do Observatorio da Innovación

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude presenta esta iniciativa impulsada desde o Goberno galego como un centro de análise, reflexión e seguimento de iniciativas

López Campos salienta que esta medida permitirá que a cidadanía e a comunidade científica poida facer as súas achegas ao tempo que se pon a súa disposición recursos e documentación

Entre as funcións e obxectivos desta ferramenta está a activación de redes entre administracións, institucións e comunidades locais

Santiago de Compostela, 16 de outubro de 2025

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos,  acompañado polo director xeral de Patrimonio Cultural, Ángel Miramontes, presentou hoxe a Observatorio da Innovación de Patrimonio Cultural, a nova ferramenta impulsada pola Xunta de Galicia co obxectivo de promover o estudo, o coñecemento e as actuacións innovadoras no ámbito do patrimonio cultural.

Así, durante a presentación, o responsable autonómico de Cultura puxo en valor a importancia de poñer en marcha esta iniciativa que permite á “cidadanía tomar consciencia da importancia do respecto e coidado da diversidade cultural, incidindo en maior medida nas novas xeracións”. Neste senso, engadiu que a Xunta de Galicia “é a Administración máis comprometida coa conservación e posta en valor do patrimonio cultural e por iso é importante ir máis alá para crear espazos que reforcen a protección e posta en valor dun dos nosos maiores tesouros desde enfoques innovadores”.

Tal e como explicou López Campos, esta medida pon “a educación patrimonial no centro” ao permitir que tanto a cidadanía como a comunidade científica poida facer as súas achegas ao tempo que se pon a súa disposición recursos e documentación nun mesmo espazo web. Así, entre os obxectivos  do Observatorio que hoxe se pon en marcha son identificar iniciativas innovadoras, avaliar os principais datos vencellados co patrimonio, difundir e compartir as boas prácticas, emitir recomendacións e activar redes de colaboración entre administracións, institucións e comunidades locais para crear sinerxías e proxectos colaborativos.

Para conseguilo, entre as funcións desta ferramenta está monitorizar o panorama galego, recompilar datos, facer comparativas, responder consultas, favorecer a organización de encontros, propiciar o traballo en rede con outros observatorios e impulsar a divulgación e a comunicación a través de publicacións de novas, boletíns e informes.

Comparte