Nova: López Campos anuncia que a Xunta rematará as obras de restauración da Casa de Don Álvaro a finais de ano

09/10/2025
López Campos anuncia que a Xunta rematará as obras de restauración da Casa de Don Álvaro a finais de ano
“Recuperamos para o concello, a súa veciñanza e a comarca do Deza un dos seus inmobles máis significativos e icónicos”, enxalza o representante do Goberno galego
Anuncia que funcionará como contedor sociocultural vencellado ao turismo e gastronomía locais, á vez que acollerá actividades sociais e formativas
Garante que o edificio manterá as características construtivas e arquitectónicas que “fan del un edificio emblemático e representativo do municipio”
Lalín (Pontevedra), 9 de outubro de 2025
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, anunciou hoxe que a Xunta rematará antes de final do ano a restauración da Casa de Don Álvaro, en Lalín. Fíxoo xunto co alcalde de Lalín, José Crespo, nunha visita a estas actuacións, que contan cun orzamento de máis dun millón de euros.
“Recuperamos como merece e para o concello, a súa veciñanza e toda a comarca do Deza un dos seus inmobles máis significativos e icónicos”, aseverou o representante do Goberno galego en referencia ao “importante valor” deste edificio, datado en 1913, e que está incluído no Catálogo do Patrimonio cultural de Galicia.
López Campos lembrou que, tras un convenio de colaboración co concello para levar a cabo estas obras e fixar plan de usos, as actuacións de restauración deron comezo en abril de 2024 co obxecto de “devolverlle todo o esplendor” a este edificio “emprazado no centro neurálxico, comercial e simbólico do conxunto urbano de Lalín”. Nese senso, destacou que a Casa de Don Álvaro ten acollido “establecementos emblemáticos da vila”, entres os que apuntou unha chocolatería, unha ferraxería ou o Banco Pastor. “Estamos, por tanto, a restaurar parte importante da memoria lalinense”, resumiu.
Novos usos
López Campos explicou que as actuacións de rehabilitación que se levan a cabo por parte da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude están a resolver os problemas provocados polo paso do tempo e a falta de uso “co fin de recuperar este edificio icónico da comarca do Deza e poñelo ao servizo da veciñanza e dos visitantes dotándoo de novos usos culturais, sociais e turísticos”.
Deste xeito, unha vez finalizada a restauración, o responsable de Cultura da Xunta avanzou que a intención é que o inmoble funcione como un contedor sociocultural vencellado ao turismo e gastronomía locais, á vez que acollerá actividades sociais e formativas. En todo caso, garantiu que manterá as súas características construtivas e arquitectónicas, así como daqueles elementos decorativos e mobiliario “que fan del un edificio emblemático e representativo do municipio”, precisou.
Deste xeito, apuntou que no Plan de usos asinado co Concello de Lalín recóllese que nas súas instalacións se estableza a Oficina de Turismo Municipal e un futuro Museo Permanente do Cocido. De igual xeito, lembrou que tamén se definiu como espazo sociocultural para o desenvolvemento de conferencias, exposicións temporais ou presentacións. Finalmente, indicou que se mantén a posibilidade de que o xardín acabe por abrirse ao público para acoller actividades sociais, culturais e de lecer ao aire libre, conservando as árbores máis senlleiras.
Actuacións
O obxectivo das intervencións que está a concluír a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, é solucionar as patoloxías construtivas causadas pola entrada de auga, o exceso de humidades, o deterioro e o insuficiente illamento térmico das fachadas e a cuberta. Para iso, as actuacións, ao longo deste tempo, estiveron encamiñadas á mellora das canalizacións e a impermeabilización, a reparación dos danos na zona da galería principal e o reforzo da estrutura de madeira de todo o edificio mediante o aporte de novas pezas e o suplemento de vigas.
As obras tamén procuraron recuperar as vigas e viguetas afectadas pola humidade e insectos, así como das carpinterías de madeira exteriores incorporando un dobre cristal que mellore a eficiencia enerxética do edificio. Con este mesmo obxectivo, estase a executar un drenaxe perimetral na zona do xardín e a incorporación dun un novo illamento térmico na cara interior das fachadas e a cuberta.
Os traballos estanse completando cunha nova instalación eléctrica, de iluminación e climatización e coa recuperación do espazo orixinal do baixo. Ademais, está previsto que conte cun ascensor, en cumprimento das normas de accesibilidade e ao abeiro da Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia.