Nova: Vigo e a súa área metropolitana acollerán ata final de ano 36 funcións da Rede Galega de Teatros e Auditorios co apoio da Xunta

03/10/2025

Vigo e a súa área metropolitana acollerán ata final de ano 36 funcións da Rede Galega de Teatros e Auditorios co apoio da Xunta

A cidade olívica contará con 18 actuacións nunha programación que arranca este domingo coa obra familiar ‘Bulebule’, de Os Náufragos.

A peza de danza para público familiar ‘O arcón de Noa’ terá a súa estrea absoluta o 26 de outubro no Auditorio da praza do Rei

O circuíto tamén comprende os escenarios de Tomiño, Gondomar, Cangas e Redondela

Vigo, 3 de outubro de 2025

As últimas producións galegas de espectáculos de teatro e danza chegan a Vigo e a varios municipios da súa área metropolitana a través de 36 funcións programadas nos escenarios da Rede Galega de Teatros e Auditorios, o  circuíto de exhibición de espectáculos cofinanciado entre a Xunta e 43 entidades locais asociadas. Así, neste último trimestre do ano o público gozará de 30 novos espectáculos na cidade olívica, Tui, Tomiño, Gondomar, Cangas e Redondela.

En concreto, Vigo acollerá nos meses de outubro e novembro 18 funcións de 15 espectáculos no Auditorio Municipal da praza do Rei. A programación comeza este domingo 5 de outubro, ás 18,00 h., coa obra familiar Bulebule, da compañía Os Náufragos, unha historia sobre a presenza da muller no mar onde se tratan temas como a diversidade. Ademais desta peza, destacan outras oito actuacións de teatro, danza, música e maxia dirixidas a público familiar. Son os casos de A cincenta que non quería comer perdices, de Sarabela Teatro (19 de outubro), a estrea absoluta da peza de danza O arcón de Noa, da compañía Amarelo e interpretada por Raquel Ferradás, Carlota Rosón e Martín Blanco (26 de outubro), Teatro de papel, circo contemporáneo da catalá Rauxa Cía (2 de novembro); tres pases de Momento musical para familias con bebés, de Bolboreta (9 de novembro); Bichitos, de Spasmo Teatro (16 de novembro) e, por último, a maxia será protagonista o 30 de novembro con Singularia, de Magia en la Manga.

O público adulto poderá gozar de obras como Guerra, de Teatro do Noroeste (25 de outubro), que fai un percorrido a través de referencias á guerra no teatro europeo desde un edificio teatral destruído polos bombardeos. A compañía alacantina Arroz con Costra chegará á cidade con Las preciosas ridículas (31 de outubro), en tanto que Barrosanta escenificará Xoguetes rotos (8 de novembro). A danza tamén estará presente con Cicatriz, de Kirenia Danza en coprodución co Centro Coreográfico Galego (14 de novembro). O actor Machi Salgado adaptará unha obra de Antón Chékhov na proposta O espírito de Vania (21 de novembro) e completan a programación do circuíto en Vigo as obras Sophie non é o meu nome de guerra, de Redrum Teatro (22 de novembro), Un deus salvaxe, de Talía Teatro (28 de novembro) e A metamorfose, de Sarabela Teatro (29 de novembro).

Máis citas na área metropolitana

A Rede Galega de Teatros e Auditorios tamén conta con espazos en Tui, Tomiño, Gondomar, Cangas e Redondela. A carteleira no  Teatro Municipal de Tui comeza hoxe venres, ás 19,00 horas, coa obra para a cativada Os contos do Lobicán, de Redrum Teatro. Para público familiar tamén está na carteleira Bulebule, de Os Náufragos (17 de outubro), Pitiminí: concerto para bebés, de Davide González (31 de outubro) e o espectáculo de maxia Singularia, de Magia en la Manga (14 de novembro). Para o público adulto están programadas as obras Reconversión, de Ibuprofeno Teatro (10 de outubro), Esas cousas marabillosas, de Empatía Teatro (7 de novembro) e a multipremiada As que limpan, de A Panadaría (22 de novembro).

A programación en Tomiño comeza mañá sábado 4 de outubro, ás 21,00 h., con Non pasarán, de Ártika Cía, no Auditorio Municipal de Goián, que tamén acollerá Reconversión, de Ibuprofeno Teatro (18 de outubro), e Go Home, de Etiqueta Negra Producións (8 de novembro).

Pola súa banda, ao Auditorio Lois Tobío de Gondomar chegarán funcións de Neura, de De Ste Xeito Producións (12 de outubro) e da montaxe Iribarne, de ButacaZero (23 de novembro) e, para o público familiar, o espectáculo de maxia Máxico Deluxe, de Cayetano Lledó (26 de outubro).

Cangas programa no Auditorio Municipal Xosé Manuel Pazos Varela tres funcións no marco da Rede: Oh mammie blue!, de Cinema Sticado (18 de outubro), Tromsø, de Morraoconto (25 de outubro) e Mala vida e pior morte de Ricardo III, de Evaristo Calvo (8 de novembro).

Por último, en Redondela poderá verse Proxecto Identidade, de Proxecto Morriña, o 8 de novembro, no espazo Multiúsos da Xunqueira.

560 funcións en toda Galicia

Durante este 2025, a Rede Galega de Teatros e Auditorios conta cun orzamento de máis de 2M € e programa 560 funcións de artes escénicas e musicais de 198 formacións en 43 concellos e 46 escenarios das catro provincias galegas.

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude dispón para este ano un orzamento de preto de 1 M€ destinado integramente á contratación de formacións artísticas profesionais de teatro, música, danza, circo e maxia, galegas na súa meirande parte, co que se constitúe un mercado determinante para a distribución interior dos espectáculos producidos no país.

Comparte