Nova: A Xunta considera que a declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial sería o ”xusto recoñecemento” ao seu “excepcional valor cultural”

30/09/2025

A Xunta considera que a declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial sería o ”xusto recoñecemento” ao seu “excepcional valor cultural”

O representante do Goberno asegura que é “case imposible que defraude” a candidatura deste “territorio único” que abranguen 26 concellos de Lugo e Ourense

López Campos incide nas “boas sensacións que se tiveron e seguen tendo” e que “fan confiar” en acadar a distinción en 2026

Salienta a importancia da visita ao territorio de consultores da Unesco a principios de outubro, dentro dos pasos establecidos no tramo final da candidatura 

Destaca o esforzo por parte do Goberno galego nestes concellos con preto de 8 M€ para a posta en valor de máis de 40 bens patrimoniais durante estes últimos anos

Barcelona, 30 de setembro de 2025

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, considerou hoxe que a declaración de Patrimonio Mundial da candidatura Ribeira Sacra: Paisaxe da auga sería “o xusto recoñecemento ao seu excepcional valor cultural”. Así o aseverou na súa participación na Conferencia Mundial Sobre Políticas Culturas e Desenvolvemento sustentable Mondiacult, que está a celebrar a Unesco en Barcelona.

“É moi difícil, case imposible, que a Ribeira Sacra defraude”, aseverou o representante do Goberno galego durante a celebración desta cita, onde lembrou que a candidatura presenta unha paisaxe construída co uso da auga “dun xeito novidoso que non está presente aínda de xeito suficiente na Lista de Patrimonio Mundial”. Así, enxalzou “os atributos especiais que fan único este territorio e paisaxe”. En concreto, fixo referencia desde os canóns e vales fluviais esculpidos pola auga ata o relevante patrimonio hidráulico que atesoura.

Deste xeito, López Campos lembrou que Ribeira Sacra: Paisaxe da auga xa forma parte das propostas admitidas para ser avaliadas polo Comité Mundial da Unesco, “tras cumprir a Xunta puntualmente cos trámites, documentación e tempos exixidos”. Neste senso, defendeu a “candidatura madura e sólida” presentada, da que lembrou que está, neste intre, “na súa recta final”. 

Visita de consultores da Unesco

Ante esta fase,  o conselleiro advertiu de que van ser “claves” os pasos a dar. Por estes motivos, apuntou a relevancia da visita a Ribeira Sacra que se levará a cabo nos primeiros día de outubro por parte de consultores da Unesco, “á que lle seguirán outros procedementos de cara á decisión definitiva deste organismo no segundo semestre do vindeiro ano”, avanzou.

“O camiño que nos queda é moi difícil e crucial”, admitiu o conselleiro quen, en todo caso, subliñou que en todo proceso “as sensacións foron e seguen a ser boas”. Por estes motivos, amosouse confiado na consecución desta distinción en 2026. Ao respecto, quixo agradecer a “colaboración e apoio en todo momento” do Ministerio de Cultura e tamén da comunidade, veciñanza, axentes locais e institucións dos 26 concellos de Lugo e Ourense que integran a candidatura.

De igual xeito, tamén salientou o “esforzo e traballo sen descanso” por parte da Xunta para fornecer Ribeira Sacra: Paisaxe da auga. Así, sinalou os preto de 8 M€ que a Administración autonómica ten investido na conservación e posta en valor de máis de 40 bens patrimoniais deste territorio das provincias de Ourense e Lugo nestes últimos anos.

En concreto, ao longo deste período, o Goberno galego executou, en solitario ou en colaboración con outras institucións e concellos, máis de 90 actuacións tanto en materia arquitectónica como arqueolóxica en diferentes bens, como igrexas, mosteiros, museos, castros ou xacementos romanos, entre outros. “Co esforzo e traballo de todos, a Ribeira Sacra conseguiu ser hoxe en día un territorio aínda máis vivo, máis coidado e máis recoñecido e aínda o vai ser máis cando academos este merecido recoñecemento internacional”, concluíu.

Comparte