Nova: A Xunta salienta a importancia da declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial para recoñecer o seu “valor cultural excepcional e único”

25/09/2025
A Xunta salienta a importancia da declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial para recoñecer o seu “valor cultural excepcional e único”
O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude incide nas “boas sensacións” durante todo o proceso que “fan confiar” en acadar a distinción en 2026
Salienta a importancia da visita ao territorio de consultores da Unesco no vindeiro mes de outubro, dentro dos pasos establecidos no tramo final da candidatura
A proposta céntrase nos atributos especiais desta paisaxe, que abrangue 26 municipios das provincias de Lugo e Ourense
Valladolid (Castela e León), 25 de setembro de 2025
O director xeral de Patrimonio Cultural, Ángel Miramontes, asegurou hoxe que a declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial pola Unesco en 2026 suporía un “xusto recoñecemento ao valor excepcional e único deste territorio”. Fíxoo durante a súa participación no III Simposio Internacional de Patrimonio cultural ICOMOS-España, celebrado na cidade castelán- leonesa de Valladolid.
O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude lembrou que a candidatura Ribeira Sacra: Paisaxe da auga xa forma parte das propostas admitidas para ser avaliadas polo Comité Mundial da Unesco, tras cumprir o Goberno galego “rigorosamente cos trámites, documentación e tempos exixidos”.
Deste xeito, explicou que, neste intre, “se está xa na recta final” do proceso, que inclúe a visita in situ ao territorio por parte consultores da Unesco no vindeiro mes de outubro, á que lle seguirán outros procedementos de cara á decisión definitiva deste organismo no segundo semestre do vindeiro ano. “En todo caso, as sensacións foron e seguen a ser boas, o que nos fai confiar na consecución desta distinción en 2026”, asegurou Ángel Miramontes.
“Atopámonos, de novo, perante pasos claves aos que nos enfrontamos coa seguridade que dá contar cunha candidatura madura e sólida”, argumentou ao tempo que celebrou que, “desde o primeiro momento, a proposta estivo arroupada non só polo Goberno central, senón por toda a comunidade, veciñanza, axentes locais e institucións dos 26 concellos de Lugo e Ourense que a integran”.
Folla de ruta iniciada en 2017
En todo caso, tamén fixo fincapé no “esforzo e traballo arreo” por parte da Xunta para fornecer Ribeira Sacra: Paisaxe da auga. Ao respecto, sinalou os preto de 8 M€ que a Administración autonómica ten investido na conservación e posta en valor de máis de 40 bens patrimoniais deste territorio das provincias de Ourense e Lugo nestes últimos anos.
En concreto, ao longo deste período, o Goberno galego executou, en solitario ou en colaboración con outras institucións e concellos, máis de 90 actuacións tanto en materia arquitectónica como arqueolóxica en diferentes bens, como igrexas, mosteiros, museos, castros ou xacementos romanos, entre outros. “Coa colaboración e implicación de todos temos acadado que a Ribeira Sacra sexa un territorio máis coidado e recoñecido”, valorou.
Atributos especiais
Cómpre lembrar que a proposta céntrase en atributos especiais para deixar constancia do seu carácter único, que van desde os canóns e vales fluviais esculpidos pola auga ata o relevante do seu patrimonio hidráulico, con infraestruturas que teñen chegado aos nosos días desde a revolución tecnolóxica medieval con muíños, centrais ou os saltos impresionantes de auga.
Deste xeito, a candidatura presenta unha paisaxe construída co uso da auga “dun xeito novidoso que non está presente aínda de xeito suficiente na Lista de Patrimonio Mundial”, argumentou o director xeral de Patrimonio Cultural da Xunta.