Nova: A Xunta presenta 32 cartas inéditas escritas por Curros Enríquez nos seus últimos anos de vida

18/09/2025
A Xunta presenta 32 cartas inéditas escritas por Curros Enríquez nos seus últimos anos de vida
A correspondencia dá conta da amizade entre os dous galeguistas ourensáns e nela aparecen nomes como os de Manuel Murguía, Emilia Pardo Bazán ou Rosalía
López Campos destaca sobre os manuscritos, datados entre 1904 e 1908, “a oportunidade de coñecer unha das nosas grandes figuras desde outra perspectiva”
Ademais, recoñece “o valor deste legado para salvagardalo de cara ás xeracións futuras e afondar na nosa identidade e nas persoas que a forxaron”
Santiago de Compostela, 18 de setembro 2025
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, participou hoxe na presentación do derradeiro espistolario de Manuel Curros Enríquez ao seu amigo José Ojea Otero. Trátase dunha colección composta por 32 cartas inéditas que o autor de Celanova lle enviou entre xuño de 1904 e xaneiro de 1908, algunhas delas escritas tres meses antes de falecer na Habana.
Neste senso, o responsable de cultura do Goberno galego recoñeceu ”o valor deste epistolario dunha das grandes figuras da literatura e o pensamento galego”, que está previsto poida pasar a formar parte, puntualizou, “do legado histórico que temos a responsabilidade de salvagardar desde a Xunta de Galicia para as seguintes xeracións de cara a coñecer e afondar na nosa identidade e nas persoas que contribuíron a forxala”.
Deste xeito, agradeceu a boa disposición por parte de Delfina García Paadín, parente de José Ojea, para facer públicas estas misivas manuscritas, máis algúns fragmentos doutras que non se conservan completas. Así, indicou, a través delas “temos a oportunidade de achegarnos a Curros Enríquez desde outra perspectiva, a que propician as verbas de confianza cunha persoa, podendo redescubrir outros aspectos da súa personalidade, das súas vivencias e do seu contexto”. Así é que, nesta recompilación de cartas tamén se dá conta das relacións con outras figuras destacadas como Emilia Pardo Bazán, Enrique Peinador, Manuel Murguía, Rosalía de Castro ou Chané, algúns dos nomes que aparecen entre as súas verbas.
O destinatario da correspondencia
Tal e como se lembrou no acto, a correspondencia conservada é a que Curros Enríquez enviou a José Ojea, autor do prólogo de Aires da miña terra, do autor de Celanova. Nelas dase conta da amizade entre os dous galeguistas durante décadas e da relación coa familia.
O destinatario das cartas, José Ojea, ademais do boticario do municipio ourensán de Cortegada, foi escritor, político e un dos fundadores da Real Academia Galega. Precisamente unha das poucas fotografías que se conservan del corresponde a este feito e nela está xunto a Manuel Murguía e Curros Enríquez. Nese mesmo mes de outubro de 1904, o escritor de Celanova partiu definitivamente a Cuba, tras unha estadía en Galicia na que pasa por diversas vilas e balnearios nos que trata de recuperarse dos problemas de saúde que xa padece.