Nova: Ferrolterra acolle 26 actuacións escénicas e musicais ata final de ano a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios

18/09/2025
Ferrolterra acolle 26 actuacións escénicas e musicais ata final de ano a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios
A carteleira do circuíto, promovido pola Xunta de Galicia, ofrece catro novas funcións en Ferrol, tres en Ortigueira, 11 en Narón, seis nas Pontes de García Rodríguez e dúas en Cedeira
As primeiras citas son as de mañá venres no Teatro de Beneficencia de Ortigueira coa compañía galega Empatía Teatro e o sábado no Teatro Jofre de Ferrol con Los yugoslavos, de Juan Mayorga
Ferrol, 18 de setembro de 2025
A Rede Galega de Teatros e Auditorios, circuíto de exhibición de espectáculos cofinanciado pola Xunta en 43 entidades locais de toda Galicia, ofrece ata final de ano 26 novas actuacións escénicas e musicais en cinco concellos da área de Ferrolterra. A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude contribúe así á programación cultural de Ferrol, Ortigueira, Narón, As Pontes de García Rodríguez e Cedeira, que neste segundo semestre de 2025 acollen unha ampla escolma de propostas de teatro, danza, música ou circo.
A primeira función desta carteleira terá lugar mañá venres no Teatro de Beneficencia de Ortigueira coa comedia Esas cousas marabillosas, que a compañía galega Empatía Teatro representará ás 20,00 horas. O 27 de setembro a cita é coa maxia do Mago Paco e o seu espectáculo Hocus Pocus e o 18 de outubro coa danza e a proposta Credo, de Nova Galega de Danza.
A programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios no Teatro Jofre de Ferrol comeza este sábado, día 20, co espectáculo Los yugoslavos, con texto e dirección de Juan Mayorga e as actuacións de Javier Gutiérrez, Luis Bermejo, Natalia Hernández e Alba Planas. As outras tres funcións enmarcadas no circuíto autonómico son Dance Join, de Marta Alonso Tejada, o 11 de outubro; Noso, de Os Náufragos, o oito de novembro, e o concerto de Catuxa Salom, o 14 de novembro.
O Pazo da Cultura de Narón ofrece un completo programa teatral a partir de outubro. Os días tres e catro dese mes haberá funcións de Un deus salvaxe, de Talía Teatro; os días 17 e 18 será a quenda de Camino a la Meca, con Lola Herrera, Natalia Dicenta e Carlos Olalla sobre as táboas, e o 25 chegará Apaga o candil, de Contraproducións.
Estrea de Teatro do Noroeste
Xa en novembro, poderán verse as montaxes Non pasarán, de Ártika Cía., o día 15; A metamorfose, de Sarabela Teatro, o día 22, e Os dous de sempre. O regreso, de Mofa e Befa, o día 29. Finalmente, en decembro Narón acollerá a estrea do novo espectáculo de Teatro do Noroeste, Manual de patronaxe, con dobre función os días cinco e seis. Con texto de Nerea Brey, 18º Premio Abrente da MIT de Ribadavia, e dirección de Clara Gayo, esta peza de autoficción conta coa axuda á creación escénica da Axencia Galega das Industrias Culturais. A carteleira naronesa dentro da Rede Galega de Teatros e Auditorios rematará o día 13 de decembro co concerto Axúdame a sentir de Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre.
As Pontes de García Rodríguez e Cedeira son os outros dous municipios de Ferrolterra que tamén acollen representacións escénicas no marco deste circuíto da Xunta. Nas Pontes, a carteleira arranca o 10 de outubro con TROMSØ, de Morraoconto. Nese mesmo mes, poderán verse outros espectáculos de compañías galegas: O dragón de ouro, de Sarabela Teatro, o día 17; Os contos do Lobicán, de Redrum Teatro, o día 24; Reconversión, de Ibuprofeno Teatro, tamén o día 24, e As fillas bravas de Momán, de Chévere, o día 31. A programación pecharase o 28 de novembro co concerto de Gallaecia Small Band.
Pola súa banda, o Auditorio Municipal de Cedeira recibe en novembro dúas pezas de danza: Coa cabeza nas nubes, de Cía. SÖA, o venres 7, e Para que non me deixes aquí soa, de Julia Laport, o venres 14.
560 funcións en Galicia
Durante este 2025, a Rede Galega de Teatros e Auditorios conta cun orzamento de máis de 2M€, que achegan a Xunta e as entidades locais asociadas para programar 560 funcións de artes escénicas e musicais de 198 formacións en 43 concellos das catro provincias.
Este investimento destínase integramente á contratación de formacións artísticas profesionais de teatro, música, danza, circo e maxia, galegas na súa meirande parte, co que se constitúe un mercado determinante para a distribución interior dos espectáculos producidos en Galicia.