Nova: López Campos destaca a “alianza cultural cos países iberoamericanos” nunhas xornadas que reúnen no Gaiás expertos en patrimonio

15/09/2025
López Campos destaca a “alianza cultural cos países iberoamericanos” nunhas xornadas que reúnen no Gaiás expertos en patrimonio
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude participa na inauguración desta sesión técnica organizada ao abeiro do Proxecto RUTEALC, que impulsa sinerxías ao redor de itinerarios como o Camiño de Santiago
Santiago de Compostela, 15 de setembro 2025
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, participou hoxe na inauguración das cuartas xornadas da Incubadora de itinerarios culturais de Iberoamérica, que reúne no Gaiás a expertos en cultura e patrimonio de Galicia e desta zona xeográfica.
Neste senso, o representante da Xunta destacou que “na nosa Comunidade temos un forte vínculo cos países iberoamericanos, cunha historia compartida e valores comúns que nos levaron a involucrarnos nesta alianza cultural”. Fixo referencia así á cooperación nesta área que o Goberno galego mantén coa Organización de Estados Iberoamericanos e que se materializa no proxecto RUTEALC co obxectivo, puntualizou, “de xerar unha comunidade de xestores, profesionais, cidadáns e emprendedores interesados na creación e o fortalecemento dos itinerarios culturais como son as rutas xacobeas”.
Deste xeito, López Campos cualificou este encontro como unha grande oportunidade “para ser referentes en boas prácticas, partindo da nosa extensa experiencia ao redor do Camiño de Santiago, e tamén para tomar referencias doutros territorios”. Engadiu, ademais, que grazas a sesións técnicas como a que hoxe se celebran en Santiago de Compostela “contribúese a crear sinerxías entre os profesionais dos dous lados do Atlántico para seguir tecendo lazos ao redor do patrimonio”.
Sobre o proxecto
RUTEALC é unha incubadora de proxectos culturais froito da alianza estratéxica entre a Organización de Estados Iberoamericanos para a educación, a ciencia e a cultura e a empresa galega Trivium, coa colaboración da Xunta de Galicia e o Instituto Europeo de Itinerarios Culturais, pertencente ao Consello de Europa.
Este proxecto formativo contribúe a impulsar oportunidades para o benestar e a calidade de vida das persoas e os seus territorios, tomando como referencia o bo facer vencellado ao Camiño de Santiago, primeiro itinerario certificado polo Consello de Europa en 1987.