Nova: A Xunta organiza en Lugo unha xornada divulgativa sobre xacementos arqueolóxicos sobranceiros da provincia

14/09/2025

A Xunta organiza en Lugo unha xornada divulgativa sobre xacementos arqueolóxicos sobranceiros da provincia

Terá lugar o sábado 4 de outubro no salón de actos da Delegación Territorial, con   entrada libre e gratuíta ata completar aforo

Lugo, 14 de setembro de 2025

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude organiza en Lugo as I Xornadas pedagóxicas de arqueoloxía lucense, que se celebrarán o sábado 4 de outubro no salón de actos da Delegación Territorial. 

O delegado territorial, Javier Arias, sinalou hoxe durante a presentación que están dirixidas ao público en xeral, a entrada é libre e gratuíta ata completar o aforo e non se precisa inscrición previa. O obxectivo é achegar á cidadanía os coñecementos obtidos durante as últimas intervencións promovidas por esta Consellería nalgúns dos xacementos máis sobranceiros da provincia, da man dos propios arqueólogos que as dirixiron.

As xornadas comezarán ás 9:30 horas e a mañá estará dedicada a elementos patrimoniais datados entre o Paleolítico e a Idade do Ferro. Así, abrirán o programa as conferencias do catedrático de Prehistoria Ramón Fábregas e a profesora de Arqueoloxía María Pilar Prieto, ambos da Universidade de Santiago de Compostela, acerca das primeiras pegadas humanas nas terras lucenses e o Corro dos Mouros de Adai (no municipio de Lugo) respectivamente.

A continuación, Benito Vilas e Xosé Gago, xestor de patrimonio cultural, revelarán datos sobre as últimas campañas acometida no xacemento de Penas do Castelo (A Pobra de Brollón), e Emilio Ramil referirase ás intervencións no castro de Saa (A Pastoriza).

Durante a tarde porase o foco no período entre a  romanización e o medievo. Ás 16:00 horas os expertos Yolanda Álvarez e Luis F. López centrarán a súa intervención no castro do Teso da Ermida (Navia de Suarna); este último acompañará a Brais Currás, científico do CSIC, na seguinte sesión acerca do Monte Cido e o poboamento dos montes do Courel no tempo de Roma.

O sur da provincia protagonizará as derradeiras charlas do día. O arqueólogo Francisco Alonso abordará o xacemento romano de Proendos (Sober) mentres que Xurxo Ayán, da Universidade Nova de Lisboa, e Sonia García, do CSIC, informarán sobre o sitio medieval do Preguntoiro de Pantón.

O delegado territorial convidou á cidadanía a asistir a estas xornadas, “que nos axudan a coñecer máis en profundidade o noso pasado, a valorar o noso patrimonio e mesmo a comprender mellor a nosa identidade como pobo, arraigada en lugares como estes”.

Comparte