Nova: A Xunta reúne no parque arqueolóxico de Campo Lameiro especialistas internacionais na arte rupestre

07/09/2025
A Xunta reúne no parque arqueolóxico de Campo Lameiro especialistas internacionais na arte rupestre
As instalacións acollen os vindeiros 20 e 21 de setembro unhas xornadas nas que participan expertos en petróglifos de Galicia, Irlanda, Escocia e Portugal
Ao abeiro da campaña ‘Para gustos, cultura’, o programa inclúe diversas actividades prácticas e de campo, así como charlas, mesas redondas e relatorios
O obxectivo é identificar liñas de cooperación e fortalecer redes para a documentación e conservación deste patrimonio
O encontro está aberto ao público, previa inscrición, de balde, a través da web do Parque
Campo Lameiro (Pontevedra), 7 de setembro de 2025
A Xunta organizará os vindeiros días 20 e 21 de setembro no Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro, en Pontevedra, as I Xornadas Internacionais da Arte Rupestre Atlántica. Trátase dunha iniciativa que contará con especialistas en petróglifos de relevancia a nivel internacional chegados de Irlanda, Escocia, Portugal e Galicia, na que analizarán o patrimonio máis senlleiro a través de obradoiros, charlas e relatorios.
A proposta xorde a raíz dun patrimonio compartido que conecta Galicia, Portugal e as Illas Británicas a través de expresións culturais e simbólicas comúns da Prehistoria. Así, o encontro ten como finalidade promover un espazo de cooperación entre universidades, museos, centros de interpretación e colectivos especializados, co obxectivo de afianzar o papel de Galicia como un territorio de referencia na investigación, protección e divulgación desta tipoloxía de arte rupestre.
Actividades prácticas e relatorios
O programa do sábado está centrado en actividades prácticas e de campo, cun obradoiro de restauración da arte rupestre a cargo de Alejandro Javier Pujales, conservador-restaurador especializado en arqueoloxía. Completarase con outra proposta de rexistro e fotogrametría 3D conducida polo grupo GEPN-AAT da Universidade de Santiago de Compostela, integrado por Alia Vázquez-Martínez, Miguel Carrero Pazos e Alexis Maldonado Ruiz, que presentarán un proxecto de fotogrametría para a documentación da arte rupestre de Campo Lameiro. A xornada pechará cun percorrido guiado polos petróglifos estudados por Ramón Sobrino Buhigas e Sobrino Lorenzo nos concellos de Campo Lameiro e Cerdedo-Cotobade, ademais dunha visita especial nocturna aos petróglifos do Parque Arqueolóxico.
Xa no domingo, impartiranse varios relatorios. Así, Xosé-Lois Armada, membro do Incipit, falará sobre As conexións Atlánticas durante a Idade do Bronce; Joana Valdez-Tullet, procedente da Durham University, afondará sobre o pasado, presente e futuro da arte rupestre atlántica, e Elizabeth Shee Twohig, da University College Cork, intervirá sobre a continuidade e transformacións na arte megalítica irlandesa. Mentres, Fernando Carrera, ex director da Escola de Restauración de Bens Culturais de Pontevedra, compartirá reflexións sobre a conservación da arte rupestre; Elena Cabrejas, do Incipit, presentará o proxecto Laxe dos Bolos, o coloso descoñecido da Arte Rupestre Atlántica, e Sofía Figueiredo-Persson, da Universidade NOVA de Lisboa, centrarase na mediación cultural a través de imaxes e experiencias. Posteriormente, pecharase o encontro cunha mesa redonda que permitirá identificar liñas de cooperación e fortalecer redes internacionais para a documentación e conservación do patrimonio rupestre.
As xornadas encádranse na campaña de actividades posta en marcha pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude Para gustos, cultura, na que se programaron desde xuño a setembro máis de 3.400 accións en máis de 200 concellos. A asistencia ao encontro é de balde, previa reserva de praza a través da web do Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro.