Nova: A Xunta destina 104.000€ para a participación de galerías de arte galegas en feiras internacionais

07/09/2025
A Xunta destina 104.000€ para a participación de galerías de arte galegas en feiras internacionais
Nesta convocatoria acadan a subvención 11 entidades para asistir a encontros en Miami, Paris, Madrid, Lisboa ou Seúl
Santiago de Compostela, 7 de setembro de 2025
A Xunta de Galicia acaba de resolver a convocatoria de axudas a través das que apoia a asistencia de 11 galerías de arte galegas, catro máis que na anterior, a feiras e mercados fóra da Comunidade. Así, tal e como se recolle hoxe no Diario Oficial de Galicia, con esta liña de apoio achéganse 104.000€ para colaborar cos profesionais interesados en tomar parte neste tipo de acontecementos.
Estas subvencións, que promove a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, buscan colaborar na proxección exterior dos artistas galegos e no apoio á dinamización comercial das galerías nas feiras e mercados de arte de todo o mundo como é o caso das beneficiarias, con presenza en encontros en Miami, París, Madrid, Lisboa ou Seúl, que nalgúns casos xa se produciron, xa que a convocatoria abrangue desde decembro de 2024 ata novembro deste ano.
Tal e como se recolle nas bases, no caso de que a asistencia sexa a feiras celebradas en España, as entidades reciben un máximo de 4.000€, mentres que a axuda ascende ata os 8.000€ se se trata de citas internacionais, todas elas en réxime de concorrencia non competitiva. Deste xeito, as galerías subvencionadas deben agora achegar a documentación xustificativa necesaria.
A través desta liña a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude amosa o seu compromiso coa promoción da arte e a súa difusión tanto no territorio galego como no exterior. Neste senso, búscase incentivar a actividade artística das entidades que traballan no sector e que desempeñan un papel relevante na divulgación da arte contemporánea, na produción dos artistas e na dinamización económica da cultura.