Nova: Belén do Campo supervisa o resultado das obras de mellora da igrexa de Santa Eufemia de Vilouchada que contaron cun apoio da Xunta de máis de 18.000€

05/09/2025
Belén do Campo supervisa o resultado das obras de mellora da igrexa de Santa Eufemia de Vilouchada que contaron cun apoio da Xunta de máis de 18.000€
A delegada da Xunta e a alcaldesa comprobaron o resultado desta actuación nunha igrexa protexida ao ter consideración de ben catalogado
Este proxecto permitiu solucionar o mal estado dos paramentos interiores afectados polo lume producido no interior da igrexa
Trazo (A Coruña), 5 de setembro de 2025
A delegada da Xunta, Belén do Campo, xunto á alcaldesa de Trazo, Josefina Suárez, supervisaron o resultado final dos traballos que se executaron de mellora na igrexa de Santa Eufemia de Vilouchada, realizadas grazas a un apoio do Goberno galego de máis de 18.000 euros.
Tal e como explicou a delegada, este proxecto permitiu solucionar o mal estado dos paramentos interiores afectados polo lume producido no interior do templo.
Durante a visita, a representante da Xunta comprobou o resultado desta actuación que consistiu no pintado dos paramentos interiores previa limpeza e preparación da superficie eliminando adherencias e imperfeccións.
Nesta liña, Belén do Campo apuntou que “esta intervención encádrase no firme compromiso da Xunta coa restauración, conservación e protección dos monumentos estendidos por todo o territorio galego”.
Santuario
O santuario de Santa Eufemia é unha edificación de planta de cruz latina construída con cantaría e cachotaría de granito recebado. O estilo da fachada é claramente neoclásico do século XIX. O edificio ten engadidos posteriores.
A igrexa ten un acceso a través dunha tripla escaleira pétrea o que achega monumentalidade ao santuario. Na fachada, rematada en frontón triangular, destacan as parellas de piastras de orde colosal xónico. A igrexa sitúase nunha carballeira que lle serve de acceso sendo tamén espazo da tradicional romaría de San Mateo que reúne a un gran número de fieis e visitantes no mes de setembro. Este ano celebrase o domingo 21. O conxunto posúe carácter de paisaxe cultural pola conxunción da igrexa e das árbores.