Nova: A Xunta iniciará nas vindeiras semanas os traballos na capela da Venerable Orde Terceira da Coruña

05/09/2025

A Xunta iniciará nas vindeiras semanas os traballos na capela da Venerable Orde Terceira da Coruña

A actuación trata de resolver os problemas de seguridade estrutural e estanquidade da cuberta das edificacións anexas á igrexa

Resalta “o compromiso do Goberno galego coa cidade da Coruña no mantemento do seu patrimonio para preservar o seu valor histórico”

 

A Coruña, 5 de setembro de 2025

A Xunta iniciará nas vindeiras semanas as obras para restaurar a cuberta da capela da Venerable Orde Terceira, na Coruña. Así o anunciou hoxe o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, nunha visita a esta igrexa, contigua ao antigo convento de San Francisco, na que se invisten 550.500€ no marco “das actuacións que desde o Goberno galego levamos a cabo nos bens culturais da Comunidade para conservalos no mellor estado posible e preservar o seu valor histórico", afirmou.Así, o representante de Cultura do Executivo autonómico, que estivo acompañado pola delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, fixo fincapé no “compromiso con todo o territorio e, neste caso coa cidade da Coruña, co mantemento do seu patrimonio, máis cando ten especial protección”, referíndose á inclusión do inmoble no Plan de Protección e Reforma interior da Cidade Vella e A Peixaría.

Neste senso, López Campos lembrou que o proxecto, que se porá en marcha en breve e que ten un prazo de execución previsto de 10 meses, céntrase en resolver os problemas de seguridade estrutural e de estanquidade da cuberta das edificacións anexas á capela: a vivenda, a sancristía e o almacén, “evitando o seu deterioro e recuperando o ben para a veciñanza e para os visitantes como parte do legado da cidade para as xeracións futuras”.

Deste xeito, os traballos previstos contemplan a substitución da cuberta existente por unha nova composta de taboado de madeira de castiñeiro e tella curva baixo placas de fibrocemento. Tamén se levará a cabo a impermeabilización de encontros e puntos singulares, así como a baixada da cota do cumio da sancristía e almacén, ata o límite de pendente da cuberta permitido pola normativa, para visualizar así os ocos das fiestras da fachada oeste que se protexerán da entrada de auga.

Ademais, na fachada norte da vivenda realizaranse tarefas de limpeza dos paramentos e resolverase a recollida de augas da cuberta cun canlón e baixante de zinc. A isto súmaselle a dotación deste espazo cunha preinstalación eléctrica, a reparación dos acabados interiores dos paramentos e a substitución das ventás deterioradas.

Comparte