Nova: López Campos subliña o papel do cine como embaixador de Galicia na preestrea de ‘Romería’ en Vigo

26/08/2025

López Campos subliña o papel do cine como embaixador de Galicia na preestrea de ‘Romería’ en Vigo

Para a súa filmación en Vigo e noutras localizacións da provincia de Pontevedra, o filme contou cunha axuda de 300.000 euros a través do fondo para a atracción de rodaxes convocado pola Xunta

A directora Carla Simón pecha a súa triloxía de inspiración autobiográfica con esta historia sobre a relación dos seus pais biolóxicos e a súa familia paterna

Vigo, 26 de agosto de 2025

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, asistiu esta tarde no Auditorio Mar de Vigo á primeira das preestreas de Romería, o novo filme da cineasta catalá Carla Simón, antes da súa chegada ás salas de cine o vindeiro 5 de setembro. O equipo da película, coa súa directora e a produtora María Zamora á cabeza, compartiu este pase especial co público da cidade olívica, que xunto con outras localizacións da provincia de Pontevedra, acolleu hai un ano a súa rodaxe.

Na súa intervención previa á proxección, o conselleiro –quen estivo acompañado polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e polo director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil– referendou a aposta da Xunta polo cinema como embaixador de Galicia, tanto para compartir co mundo a nosa historia, paisaxe ou cultura, como para certificar a puxanza da industria audiovisual da Comunidade.

A este respecto, lembrou que o destacado paso de Romería e de Sirat, dúas películas con participación galega, pola última edición do festival de Cannes supuxo todo un fito histórico “que amosa a forza dun sector que sabe competir nos mellores escenarios internacionais”.

Recoñecemento ao noso audiovisual

Ao igual que fixera na súa visita á rodaxe de Romería, José López Campos volveu felicitar tanto a Carla Simón como á produtora María Zamora por escoller Galicia como escenario para esta historia, coa que a premiada directora catalá completa unha triloxía de inspiración autobiográfica sobre as relacións de familia. Para o titular de Cultura do Goberno autonómico, este é un dos mellores recoñecementos para o noso sector: que as produtoras foráneas “elixan esta terra porque saben que aquí hai talento artístico, capacidade técnica e unha Administración que aposta polo audiovisual”.

Para esta filmación, Romería contou cunha subvención de 300.000 euros do fondo posto en marcha pola Xunta de Galicia e cofinanciado pola Unión Europea no marco do Programa Galicia Feder 2021-2027, co fin de atraer rodaxes á nosa Comunidade, tanto de produtoras galegas como do resto de España e Europa. “Estas axudas supoñen unha ferramenta estratéxica que está dando resultados contundentes”, indicou o conselleiro, quen destacou os resultados da convocatoria de 2024 a través da que 1,8 millóns de euros de apoio público se converteron en máis de 21 millóns de euros de retorno económico e en case 650 empregos xerados. “Iso é política cultural con utilidade social. Iso é facer país desde a cultura”, subliñou.

Máis de 6,8 M€ en 2025

López Campos enmarcou este fondo de rodaxes na folla de ruta do Goberno galego para este sector co obxectivo de contribuír a “un audiovisual forte e competitivo, con Galicia no centro”, a través de diferentes vías de apoio e colaboración. Destacan, entre elas, as nove liñas de subvencións que abranguen todo o proceso audiovisual e que en 2025 suman unha dotación de máis de 6,8 millóns de euros.

Romería chega ao público avalada pola súa boa acollida en Cannes, onde a crítica internacional destacou o ton íntimo dunha historia universal na que Carla Simón volve indagar nas relacións familiares, inspirándose desta volta na súa familia biolóxica paterna. Continúa así a senda que arrancou con Estiu 1993, coa que logrou o Goya á mellor dirección novel, e Alcarràs, Oso de Ouro na Berlinale.

Elástica atópase á fronte desta coprodución hispano-alemá xunto a Romería Vigo AIE, Dos Soles Media e Ventall Cinema. Protagonizada pola debutante Llúcia Garcia xunto a Mitch e Tristán Ulloa, conta tamén coas interpretacións de Celine Tyll, Miryam Gallego, Alberto Gracia, Janet Novás, José Ángel Egido, Sara Casasnovas e Marina Troncoso, entre outras.

A de Vigó é a primeira preestrea do filme coa presenza do equipo, que acudirá tamén ás premiéres programadas en Barcelona o día 28 de agosto e en Madrid o 3 de setembro. Ademais, Romería xa ten confirmada a súa participación na sección Made in Spain do Festival de San Sebastián e, de novo en Galicia, será a película inaugural do festival FICBueu coincidindo coa súa estrea en cines o venres 5 de setembro.

Comparte