Nova: O programa da Xunta ‘Cultura no Camiño’ afronta a súa recta final con máis de 90 actuacións de música e artes escénicas ao pé das rutas xacobeas

10/08/2025

O programa da Xunta ‘Cultura no Camiño’ afronta a súa recta final con máis de 90 actuacións de música e artes escénicas ao pé das rutas xacobeas

O público poderá gozar de concertos como os de Caamaño&Ameixeiras ou A Roda, o circo contemporáneo de AsSircópatas, a maxia do Mago Antón ou as propostas teatrais de Xarope Tulú ou A Cova das Letras

A 13ª edición do circuíto lévase celebrando desde o pasado 15 de xuño e rematará o 31 de agosto, enmarcado na campaña ‘Para gustos, cultura’

A programación deste 2025 está composta por un global de 312 citas artísticas en colaboración con 89 concellos das catro provincias

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e os municipios participantes cofinancian con case 530.000 € a contratación das 170 formacións artísticas galegas

Santiago de Compostela, 10 de agosto de 2025

O circuíto de estío Cultura no Camiño, impulsado pola Xunta de Galicia en colaboración con 89 dos concellos polos que discorren as rutas xacobeas na nosa Comunidade, encara xa a recta final da súa 13ª edición con tres intensas semanas de actividade durante as que ofrecerá 91 citas coa música e as artes escénicas en medio cento de localidades.

Con estas últimas funcións, que se estenderán ata o 31 de agosto, o programa terá desenvolvido desde o seu arranque o pasado 15 de xuño un total de 312 actuacións de circo, danza, música, narración oral e teatro nos municipios asociados. Xunto con eles, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude organiza e cofinancia esta nova entrega do circuíto, que se insire á súa vez na campaña do Goberno galego Para gustos, cultura.

Oferta descentralizada

Cultura no Camiño 2025 conta cun investimento de preto de 530.000 euros, integramente destinado á contratación das 170 formacións artísticas galegas que lle dan forma á carteleira, de acceso gratuíto e, na meirande parte dos casos, en recintos ao aire libre. A Xunta de Galicia incide así a descentralización da oferta cultural da nosa Comunidade, máis alá dos principais núcleos urbanos e co foco posto nas rutas de peregrinación.

Durante o que queda de mes, levaranse a cabo 28 representacións escénicas e concertos en 19 concellos da provincia da Coruña: Ames, Arzúa, Boiro, Cabanas, Carral, Cee, Corcubión, Dumbría, Fisterra, Melide, Neda, Negreira, O Pino, Ordes, Oroso, Paderne, Ribeira, Rois e Santa Comba.

Na de Lugo, son 26 as actuacións programadas en 13 concellos (Barreiros, Castroverde, Chantada, Friol, Guitiriz, Monforte de Lemos, Monterroso, Palas de Rei, Portomarín, Quiroga, Ribadeo, Ribas de Sil e Sarria), mentres que na provincia de Ourense pasarán 12 actividades por oito municipios (A Mezquita, A Rúa, Baños de Molgas, Monterrei, San Cristovo de Cea, Sandiás, Taboadela e Xinzo de Limia). Por último, nos concellos pontevedreses da Guarda, A Illa de Arousa, Caldas de Reis, Lalín, Meaño, Mos, O Grove, O Porriño, O Rosal, Portas, Ribadumia, Rodeiro, Silleda, Soutomaior, Vilagarcía de Arousa, Dozón e Abadín celebraranse 25 concertos e funcións escénicas.

Por modalidades artísticas, nestas tres últimas semanas programaranse actuacións musicais de grupos como Caamaño&Ameixeiras, The Lákazans, A Roda ou Festicultores Troupe. Os espectáculos de maxia, que abranguen 14 funcións, corren a cargo de nomes tan coñecidos como Mago Teto ou Mago Antón.

O circo contemporáneo está presente con 19 citas da man de formacións como AsSircópatas, Circo Chosco ou SU.MA, e o teatro, con 27 funcións que achegarán as propostas de Barafunda, Xarope Tulú, MeRe Clown ou A Cova das Letras, entre outras moitas compañías.

A previsión total de asistencia aos espectáculos de Cultura no Camiño 2025 é de máis de 38.000 persoas. Neste sentido, o desenvolvemento desta oferta durante os meses de maior afluencia de visitantes e camiñantes busca non só enriquecer as alternativas de ocio asociado á cultura, senón funcionar tamén como unha plataforma desde a que compartir co público de dentro e fóra da nosa Comunidade o talento artístico da música e as artes escénicas de Galicia.

Comparte