Nova: A Xunta coproducirá os novos espectáculos de danza de Colectivo Glovo, iXa e Artístika Movemento

06/08/2025

A Xunta coproducirá os novos espectáculos de danza de Colectivo Glovo, iXa e Artístika Movemento

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude adxudícalles preto de 55.000 € aos proxectos ‘Alén’, ’52-Blau’ e ‘Saias do mar’, a través do programa anual de coproducións do Centro Coreográfico Galego

As propostas seleccionadas abordan as crises migratorias, a saúde mental, a emerxencia climática ou illamento na era da hiperconectividade

Santiago de Compostela, 6 de agosto de 2025

A Xunta de Galicia impulsará con preto de 55.000 euros os novos espectáculos de danza de Colectivo Glovo, iXa e da compañía emerxente Artístika Movemento Producións. Alen, 52-Blau e Saias do mar son, respectivamente, os títulos dos proxectos seleccionados no marco da novena edición do programa de coproducións no ámbito da danza e as artes do movemento, que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude desenvolve cada ano a través do Centro Coreográfico Galego.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, mantivo unha xuntanza coas persoas responsables destas tres compañías para lles transmitir os parabéns pola calidade artística e técnica das súas propostas e para definir a folla de ruta cara á súa estrea en 2026.

Esther Latorre e Hugo Pereira participaron nesta xuntanza por parte de Colectivo Glovo, co que o Centro Coreográfico Galego coproducirá Alén. A compañía volvera afondar aquí na fusión do contemporáneo co tradicional, que xa explorara na súa anterior montaxe, Trïade. A peza abordarase como unha viaxe persoal e colectiva para presentar un mundo en constantes cambios provocados polas crises migratorias, a saúde mental, a emerxencia climática e as identidades en evolución.

Na actualidade, Colectivo Glovo é unha das compañías galegas de danza con maior proxección exterior, programada habitualmente en festivais de toda Europa, Asia e América. De feito, para Alén conta coa participación do Seattle International Dance Festival, onde poderá verse o ano que vén, así como do Teatro Ensalle de Vigo, o Teatro Vila Real de Portugal ou o Concello de Lugo.

Pola súa banda, Xián Martínez e Elena Castellanos acudiron en representación de iXa, compañía con raíces galegas, vascas e navarras, que foi seleccionada co espectáculo 52-Blau. Nel, parten da metáfora da balea 52- Hertz, que emite sons que ningún outro ser é capaz de comprender, para propoñer unha mirada sensible e actual sobre o illamento na era da hiperconectividade e os cruzamentos territoriais e xeracionais que provoca.

Cunha estética tecno, un traballo escenográfico artesanal e a integración da arte contemporánea galega a través, entre outras, da cerámica de Sargadelos, 52- Blau romperá co modelo escénico tradicional para se adaptar a espazos non convencionais e achegar a danza a novos públicos, contextos e realidades. A nova produción de iXa conta tamén coa colaboración doutras entidades do País Vasco, Cataluña e Galicia.

Compañía emerxente

O terceiro dos títulos é Saias de mar, de Artístika Movemento Producións, adxudicataria na modalidade de compañía emerxente. Este proxecto foi tamén elixido para formar parte do primeiro programa formativo Emprendemento para artistas da danza e as artes do movemento, impulsado pola Axencia Galega das Industrias Culturais en colaboración coa Fundación Paideia Galiza.

Á reunión con Jacobo Sutil asistiron a directora e tamén intérprete da peza, Nerea Andrés, e o coreógrafo, Juan Miguel Hernández. En Saias de mar, propoñen unha homenaxe á muller galega como símbolo de resiliencia e impulso, igual que as ondas do mar que baten e avanzan sen cesar. Aínda que está concibida para todo tipo de espazos, á idea orixinal do espectáculo contempla a praia como escenario vivo.

O programa de coproducións do Centro Coreográfico Galego ten como prioridade favorecer a produción galega de danza en todas as súas modalidades, impulsar a creación de públicos para esta disciplina escénica e consolidar produtos culturais competitivos e de calidade. Con estes tres novos títulos, a listaxe de montaxes impulsadas no marco desta iniciativa supera xa a vintena.

Ao tempo, a Xunta contribúe este ano á posta e marcha doutros sete espectáculos de danza a través da convocatoria anual de subvencións á creación escénica galega, tanto na súa categoría específica de montaxes coreográficas como na modalidade para compañías de recente creación.

Comparte