Nova: Martina Aneiros visita os traballos da terceira campaña arqueolóxica no castro de Esmelle

30/07/2025
Martina Aneiros visita os traballos da terceira campaña arqueolóxica no castro de Esmelle
A delegada territorial da Xunta en Ferrol participou esta mañá, xunto ao alcalde de Ferrol, o reitor da UDC, a vicerreitora do Campus de Ferrol, e representantes municipais e veciñais, nunha visita guiada ao xacemento da man dos directores da escavación, Samuel Nión e Juan Luis Montero Fenollós
Ferrol, 30 de xullo de 2025
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou esta mañá nunha visita á escavación arqueolóxica que se está a levar a cabo no castro de Esmelle, coñecido como Tralocastro, promovida pola Cátedra de Arqueoloxía e Educación Patrimonial da Universidade da Coruña (UDC) e o Concello de Ferrol, que este ano vai contar con financiación da Xunta de Galicia a través da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.
Durante a visita, que estivo guiada polo director da Cátedra, Juan Luis Montero Fenollós e o investigador do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), Samuel Nión, directores da escavación, os participantes entre os que tamén se atopaba o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey, o reitor da UDC, Ricardo Cao, a vicerreitora do Campus de Ferrol, Ana Ares, e representantes municipais e veciñais, coñeceron os traballos desta terceira campaña na que se lle dá continuidade ós achados dos dous anos anteriores, incluíndo tamén unha actuación na croa do castro.
Estes traballos finalizan o 1 de agosto e serán retomados na primeira quincena do mes de setembro para realizar actuacións de restauración, consolidación e musealización co obxectivo de que o xacemento poida ser visitable.
A delegada territorial puxo en valor a colaboración económica que este ano realiza a Xunta de Galicia “coa que pretendemos favorecer a posta en valor deste xacemento arqueolóxico e tamén o coñecemento deste achado para avanzar na súa investigación e divulgación”.