Nova: A XUNTA RENOVA O CONVENIO COAS DIOCESES GALEGAS CON 600.000€ PARA INTERVENCIÓNS EN IGREXAS PARROQUIAIS

30/06/2025

A XUNTA RENOVA O CONVENIO COAS DIOCESES GALEGAS CON 600.000€ PARA INTERVENCIÓNS EN IGREXAS PARROQUIAIS

  • O Consello dá luz verde ao novo acordo, que incrementa en 250.000€ a achega do ano pasado, e que inclúe traballos en 16 bens
  • As axudas están destinadas a actuacións para cubrir necesidades de acondicionamento como é a solución de humidades ou o arranxo de cubertas
  • Trátase dunha colaboración estable que mantén o Goberno galego no seu compromiso coa preservación e rehabilitación do patrimonio cultural
  • Na Coruña intervirase en San Martiño de Tiobre, San Pedro de Vilar, Nosa Señora das Dores de Ferrol e en San Paio de Paradela
  • Na provincia de Lugo actuarase en Santiago de Quende, San Tirso de Portocelo, Santo Estevo de Baralla, Santa María de Cabanela, Santa María de Carteire e no complexo pastoral de Ferreira de Pallares
  • En Ourense abordaranse obras en Santa María de Feces de Abaixo, en San Lourenzo de Piñor, en San Ramón de Armariz e na igrexa de Lamalonga
  • Pola súa banda, en Pontevedra serán obxecto das axudas San Martiño de Verducido, e San Martiño de Vilasobroso

O Consello da Xunta deu hoxe luz verde á renovación do convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e as dioceses galegas para contribuír a pequenas actuacións de conservación e mantemento de 16 igrexas parroquiais que forman parte do patrimonio cultural de Galicia. Así, o acordo contempla este ano unha achega de 600.000€ para realizar distintas intervencións de protección e rehabilitación nestes bens ao longo do ano.

Cómpre destacar que o importe incrementouse significativamente con respecto ao anterior acordo, en 250.000€, chegando así a un maior número de parroquias e bisbarras, colaborando na preservación do patrimonio e no desenvolvemento de áreas rurais.

As partidas repártense entre as seis dioceses existentes, de tal xeito que a de Lugo recibirá 147.600€ para levar a cabo a reparación das cubertas na igrexa de Santo Estevo, en Baralla; na de San Paio de Paradela, en Toques; na de Santa María de Cabanela, en Navia de Suarna; na de Santa María de Carteire, en Palas de Rei, e no complexo pastoral-parroquial de Ferreira de Pallares, en Guntín.

Pola súa banda, a Diocese de Santiago percibirá 129.000€ para actuar na reconstrución do cerramento da igrexa de San Martiño de Tiobre, en Betanzos, e na renovación da cuberta e das fachadas de San Pedro de Vilar, en Pontedeume. Mentres, na Diocese de Ourense destinaranse 113.400€ a investir na eliminación de humidades en Santa María de Feces de Abaixo, en Verín; en San Lourenzo de Piñor, en Barbadás, e en San Ramón de Armariz, en Nogueira de Ramuín.

Ao abeiro deste convenio, tamén se achegarán 94.800€ á Diocese de Mondoñedo-Ferrol, que permitirán mellorar as condicións da igrexa de Nosa Señora das Dores, en Ferrol, con traballos de limpeza e consolidación das súas torres, e renovar as cubertas de Santiago de Quende, en Abadín, e da igrexa de San Tirso de Portocelo, en Xove. A esta partida sumaráselle a de 76.200€ da Diocese de Tui-Vigo, a repartir entre o acondicionamento de San Martiño de Verducido, en A Lama, coa rehabilitación da cuberta, e San Martiño de Vilasobroso, en Mondariz, poñendo solución ás humidades. Ademais, á Diocese de Astorga corresponderanlle 39.000€ para o desenvolvemento de obras de reparación da cuberta na igrexa de Lamalonga, en A Veiga.

Colaboración estable

O convenio renovado hoxe forma parte do compromiso do Goberno galego coa preservación do patrimonio cultural de todo o territorio e enmárcase na colaboración estable que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude mantén coas dioceses galegas para a posta en valor dos seus bens máis senlleiros. Así, o acordo é garante da realización das intervencións necesarias propostas polas dioceses para a protección, conservación e rehabilitación das igrexas parroquiais pertencentes ao patrimonio artístico de titularidade eclesiástica.

Deste xeito, polo seu alto valor artístico, cultural e histórico, desde a Xunta vélase pola súa conservación a través de distintas axudas, como as enmarcadas no Convenio Mixto, a través do que atende, realizando investimentos directos, ás necesidades de mantemento e restauración destes bens, aos que destinou 1,2M€ desde o 2019.

Ademais, cómpre destacar que moitos dos bens culturais da igrexa están incorporados á lista do patrimonio mundial ao estar vencellados ao Camiño Francés e aos Camiños do Norte, ademais de contar con grandes mosteiros, abadías, conventos, conxuntos catedralicios e diferentes monumentos declarados Ben de Interese Cultural.

Comparte