Nova: López Campos presenta a campaña ‘Para gustos, cultura’ con 3.400 accións e 40 tipoloxías este verán

19/06/2025
López Campos presenta a campaña ‘Para gustos, cultura’ con 3.400 accións e 40 tipoloxías este verán
A axenda abrangue proxectos de interese cultural propios do Goberno galego e outros en colaboración coas administracións locais e entidades privadas
Comprende máis de 1.300 accións vencelladas a ciclos de artes escénicas, música, maxia, circo ou produción audiovisual e 43 exposicións en museos e bibliotecas
Destacan as máis de 400 actividades organizadas ao redor de festivais musicais e doutra tipoloxía, ademais de programas xa consolidados como ‘Cultura no Camiño’
Resalta que é “a programación estival con máis accións da historia, cunha oferta descentralizada e diversificada, en liña coa Lei de cultura inclusiva e accesible”
Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2025
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, acompañado polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e o resto do seu equipo, presentou esta mañá a campaña Para gustos, cultura, un programa que abrangue máis de 3.400 actividades de 40 tipoloxías diferentes por todo o territorio, chegando a máis de 200 concellos, na que, destacou, “é a programación estival con máis accións das realizadas ata o de agora e coa oferta máis diversificada e descentralizada da nosa historia”. Isto, puntualizou, “vai en consonancia coa Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia impulsada pola Xunta, e que entrou en vigor neste mesmo ano”.
Durante acto, o representante do Goberno galego explicou que se trata de proxectos de interese cultural, tanto propios como en colaboración con outras administracións públicas e entidades privadas, que se estenderán durante os meses de xuño, xullo, agosto e setembro “asumindo un papel proactivo na xeración de contidos co obxectivo de englobar a todo o sector cultural, apoiar a industria galega neste eido e ofrecer propostas diversas, de calidade e para todos os públicos”.
Neste senso, López Campos incidiu en que esta nova campaña, que lle dá continuidade ás anteriores desenvolvidas no 2023 e no 2024, cando se levaron a cabo 2.500 e 2.700 accións respectivamente, “pon o foco en todo tipo de público, desde a cativada e a mocidade, ás familias e á xente de maior idade, construíndo un programa accesible a toda a sociedade con independencia dos seus gustos, intereses, idade ou lugar de residencia”. Ademais, resaltou, “o programa fai especial fincapé no rural, facilitando que multitude de expresións artísticas estean ao alcance de calquera lugar de Galicia”.
Así, ao abeiro de Para gustos, cultura, artéllanse desde grandes citas a outras de pequeno formato, “con especial atención este ano no arraigo da cultura popular con propostas que teñen que ver coa poesía oral e as cantareiras, ou coa celebración do Ano Castelao”, agregou o conselleiro.
Deste xeito, organízanse máis de 1.300 actividades que teñen que ver coas artes escénicas, a produción audiovisual, circuítos de danza, maxia, música, circo e distintos espectáculos de rúa. A eles súmanse as máis e 1.800 accións de dinamización da cultura coa participación en festivais e mostras de diversa índole ou a través da programación nos museos, arquivos e bibliotecas, que ofrecen múltiples opcións de lecer lúdico e cultural para todos os públicos con exposicións, obradoiros, campamentos, contacontos ou visitas guiadas, entre outras.
A axenda complétase con máis de 70 iniciativas que teñen que ver coa promoción da lingua, apoiando a artistas que desenvolven o seu traballo en galego e outras propostas como concursos, narración oral, encontros ou xornadas. Ademais, na Cidade da Cultura, con máis de 140 opcións, destacan as mostras, o lecer familiar, os concertos ou unha decidida aposta polas tecnoloxías con experiencias inmersivas.
Música e festivais
A música, en todas as súas vertentes, é unha das disciplinas principais da oferta de verán da Xunta, cun calendario de actuacións que vai desde a música tradicional galega, as bandas e os grupos e artistas de raíz como Ugía Pedreira, Luar na Lubre, Milladoiro ou A Roda, a concertos de moi diferentes estilos como a lírica ou os sons máis actuais, apostando en gran medida polo talento galego.
Neste senso, destacan as máis de 40 citas musicais da Rede Galega de Música ao Vivo ou os festivais organizados baixo a marca Fest Galicia como é o Sinsal ou o SonRías Baixas. A eles hai que sumarlle outros encontros consolidados no estío como o Atardecer no Gaiás, que chega na súa decimoquinta edición cun cartel de 16 artistas.
En total artéllanse ao redor dos festivais, tanto musicais como doutra tipoloxía, máis de 400 iniciativas. Exemplo desta variedade son os festivais audiovisuais, como o FIC Bueu, os de narrativa como Atlántica ou os de artes escénicas como a Mostra de Teatro de Ribadavia ou o Festival Agustín Magán de Teatro Afeccionado. Son propostas ás que se engaden máis de 600 actuacións nos concertos do Xacobeo.
Espectáculos e artes escénicas
Os meses de verán supoñen tamén unha boa oportunidade para achegarse a proxectos escénicos de gran calidade, un eido no que cobra especial protagonismo o Centro Dramático Galego, a unidade teatral da Xunta, que pon sobre as táboas neste tempo 69 actuacións.
En canto a espectáculos, tamén é de salientar o programa Cultura no Camiño, que percorre os concellos das rutas xacobeas con multitude de funcións, superando as 300, para todo tipo de público, con especial atención ao familiar. Tamén outro recoñecido ciclo, Danza 3, ten programadas 10 citas para os próximos meses.
Exposicións e dinamización cultural en museos e bibliotecas
Este verán o público poderá gozar de 43 exposicións nos museos, bibliotecas e arquivos xestionados pola Xunta, ademais das 640 actividades organizadas nestes espazos para completar a súa oferta cultural.
Así, entre as mostras, destaca a experiencia inmersiva Castelao. Mirar por Galicia, coa que se convida na Cidade da Cultura a interactuar de maneira virtual co universo do intelectual homenaxeado este ano; a proposta do Museo de Belas Artes, que con A Barca de Caronte. A travesía vital de Isaac Díaz Pardo, fai un percorrido polas súas múltiples facetas, ou unha das exposicións do Centro Galego de Arte Contemporánea, Priscilla Monge. Cuestións de vida ou morte.
Pola súa banda, ao abeiro das bibliotecas que coordina o Goberno galego ofrécense obradoiros, campamentos e accións de animación á lectura, entre as que destaca o programa Ler conta moito, co obxectivo de fomentar o hábito lector. Ademais, A Furgoteca, o servizo de bibliotecas móbiles, achega estas actividades a 30 municipios das provincias de Lugo e Ourense a través das súas tres rutas. Moitas das propostas corresponden ao desenvolvemento do Plan Corresponsables Cultura, un programa de conciliación para as familias a través destes espazos centrado en espertar a curiosidade pola cultura nas idades máis temperás.
Lingua, lectura e apoio á creación artística
Promover o uso e a valoración positiva da lingua tamén é unha das claves da tempada de verán. Así, a través do programa Falaredes poranse en marcha ao redor de 40 actividades por toda Galicia, que se suman a outras iniciativas de impulso do galego.
Ademais, a programación complétase con máis de 400 propostas nas oito Feiras do Libro que se celebran durante o verán e coas residencias artísticas, nas que as persoas participantes poden desenvolver e compartir os seus coñecementos. É o caso das Residencias literarias de San Simón e as da Cidade da Cultura.
Cómpre destacar que a campaña contará a partir de agora con difusión en medios de comunicación e redes sociais para informar detalladamente da oferta e chegar á maior cantidade de poboación posible. Ademais, a programación pode consultarse na Axenda do Portal de Cultura.