Nova: López Campos destaca a “implicación das entidades locais coa cultura” nos premios Losada Diéguez

14/06/2025
López Campos destaca a “implicación das entidades locais coa cultura” nos premios Losada Diéguez
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude participou en Boborás na entrega da corenta edición dos galardóns aos escritores Manuel Rivas e Alberto Pombo
Salienta o “recoñecemento ás persoas que na actualidade seguen a enriquecer as nosas letras” e as iniciativas que “manteñen viva a memoria das figuras históricas”
Boborás (Ourense), 14 de xuño de 2025
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, participou hoxe no acto de entrega do XL Premio Antón Losada Diéguez, o certame literario convocado polos concellos ourensáns de Boborás e O Carballiño “que demostran a implicación das administración locais co fomento e recoñecemento da nosa cultura e das persoas que na actualidade seguen a enriquecela e a traballar a prol do seu crecemento”, resaltou.
Así, o representante da Xunta enxalzou este tipo de iniciativas, puntualizando que “contribúen tamén a prestixiar a nosa lingua e as nosas letras”. Neste senso, felicitou a Manuel Rivas, que recibiu nesta convocatoria a distinción na modalidade de creación literaria pola obra Tras do ceo, “un dos moitos recoñecementos a un dos nosos escritores máis destacados, desas persoas que sitúan a Galicia e ao galego no máis alto nivel”.
Do mesmo xeito, López Campos tamén lle deu os parabéns a Alberto Pombo, galardoado na categoría de investigación e ensaio pola publicación Verso e acorde. Relacións entre a literatura galega e a música pop (1950-2000). A este respecto valorou “a interesante relación que establece entre dous dos eidod claves da nosa cultura, a música e a literatura”.
Sobre o autor que lle dá nome aos premios, natural de Boborás, López Campos lembrou “o papel fundamental dos pobos para manter viva a memoria e o legado desas figuras históricas, como é o caso do escritor e intelectual galeguista, que forman parte da nosa identidade”.