Nova: O Servizo de Patrimonio Cultural da Xunta en Lugo resolve o 92% dos expedientes en menos dunha semana de prazo

23/05/2025
O Servizo de Patrimonio Cultural da Xunta en Lugo resolve o 92% dos expedientes en menos dunha semana de prazo
O delegado territorial, Javier Arias, explicou que entre xaneiro e abril emitiron preto de 2.500 informes e autorizacións para particulares, empresas ou administracións
Lugo, 23 de maio de 2025
O Servizo de Patrimonio Cultural da Xunta en Lugo resolve algo máis do 92% dos expedientes que recibe nun prazo medio inferior a unha semana. En concreto, o groso das peticións resólvese en cinco días de media, e para os asuntos que debe avaliar o Consello Territorial de Patrimonio Cultural de Lugo, que se reúne unha vez ao mes, a cifra é de 25 días.
O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, explicou que entre xaneiro e abril deste ano tiveron entrada no rexistro do servizo 2.050 solicitudes, e notificáronse 1.926 informes e 533 autorizacións da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Deste volume de resolucións, 103 corresponderon a expedientes con ditame do Consello Territorial.
No que respecta ás materias, destacan pola súa contía os informes para os aproveitamentos forestais no marco das autorizacións que xestiona a Consellería do Medio Rural, que se contestan habitualmente en dous días.
A segunda tipoloxía máis numerosa son as solicitudes promovidas por particulares e empresas ou as propias administracións para executar obras que poden afectar a bens culturais protexidos da provincia.
O servizo tamén informa os proxectos de planeamento local ou as actuacións en bens de titularidade da igrexa católica, entre outras. En total, os técnicos realizaron arredor de 160 saídas de inspección no que vai de ano.