Nova: A Xunta impulsa a creación en galego a través da III Residencia Literaria da Illa de San Simón

20/05/2025

A Xunta impulsa a creación en galego a través da III Residencia Literaria da Illa de San Simón

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, recibe á vintena de autores que participarán na experiencia en tres quendas nos meses de maio, setembro e outubro

Destaca a variedade de xéneros literarios das obras nas que traballarán os escritores como novela, poesía, teatro, ensaio, ilustración ou guión cinematográfico

Santiago de Compostela, 20 de maio de 2025

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, mantivo hoxe unha xuntanza con preto dunha vintena dos creadores que este ano van participar na terceira edición da Residencia Literaria da Illa de San Simón. Trátase dunha iniciativa coa que a Xunta proporciona aos bolseiros unha estadía que ofrece unhas condicións óptimas para potenciar a súa creatividade para impulsar a creación en galego.

No acto, que se celebrou na Cidade da Cultura, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude celebrou que un ano máis volveu incrementarse o número de solicitudes, o cal pon de manifesto o gran volume de creadores cos que contamos na nosa Comunidade. Neste senso, incidiu na necesidade de seguir proporcionando aos escritores espazos tan especiais como a Illa de San Simón, que ofrecen un contorno natural onde poder continuar cos seus proxectos literarios.

No marco desta cita, Anxo M. Lorenzo resaltou que as 24 persoas admitidas farán a estadía na illa durante tres quendas que poderán durar como máximo unha quincena nos meses de maio, setembro e outubro. Neste senso, resaltou que os xéneros literarios elixidos polos creadores son moi diversos, xa que van desde a novela, o teatro, a poesía ou o ensaio, ata outras máis especiais como a ilustración e os guións cinematográficos.

O encontro contou co testemuño de dúas autoras que participaron nesta residencia na súa pasada edición, Irene Lourido e Iria Sobrado, que durante as súas estancias remataron as súas respectivas obras unha novela e un guión cinematográfico. Nas súas intervencións agradeceron a oportunidade que lles brindou a quincena que pasaron na Illa de San Simón e puxeron en valor a convivencia co resto de autores que participaron.

Os autores e autoras que participarán na edición deste ano serán: Carlos Ignacio Labraña Barrero, Branca Trigo Cabaleiro, Jorge Coira Nieto, Araceli Gonda Cabreira, Carlos Negro Romero, Francisco Javier Fernández Davila, Francisco Valeiras González, Carlos Lixo Gómez, Ramón Domínguez Veiga, Ana Belén Gutiérrez Puente, Ana María Cibeira Vázquez, Sarai Lorenzo Broullón, Clara Rodríguez Giraldez, Nuria Díaz Berride, Alba Tomé Sueiro, Eire García Cid, José Antonio Araújo Pérez, Sabela González Panizo, Sarai Villar Aira, Vicente Vázquez Vidal, Daniel Gutiérrez Toca, Elena Martí Lores, Sandra Beiro Rodríguez e Victor Cebey López.

Impulso ao libro e a lectura con 3M€

A Residencia Literaria Illa de San Simón forma parte das iniciativas da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude no marco do impulso á lectura e ao libro galego, ao que se destinan 3M€ a través de diversas convocatorias. Deste xeito, o Goberno galego tamén colabora co sector do libro na edición, distribución e comercialización de obras e facilita que os profesionais participen en actividades fóra de Galicia.

Ademais, no eido literario a Xunta xa ten en marcha o circuíto das Feiras do Libro, que impulsa coa Federación de Librarías de Galicia, que percorrerá 13 vilas e cidades galegas e que o vindeiro día 29 de maio abrirá a súa cuarta cita no Porriño.

Comparte