Nova: A Xunta apoia a publicación, distribución e comercialización de 390 obras de 47 editoriais galegas

25/05/2023

A Xunta apoia a publicación, distribución e comercialización de 390 obras de 47 editoriais galegas

O Diario Oficial de Galicia publica a resolución da orde de axudas da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades cun investimento de 200.000 euros

Santiago de Compostela, 25 de maio de 2023

A Xunta de Galicia apoia este ano un total de 47 editoriais galegas nos gastos de edición, distribución e comercialización de 390 obras literarias. Así se desprende da resolución que publica o Diario Oficial de Galicia da liña de axudas da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades dotada de 200.000 euros coa que se impulsa o sector editorial galego e se facilita que as súas obras cheguen ao público.

En concreto, as axudas van dirixidas á edición, distribución e comercialización das súas publicacións nos idiomas cooficiais en Galicia ou noutros idiomas, editadas e distribuídas entre o 1 de xaneiro de 2022 e o 31 de outubro de 2023.

 

Ao abeiro desta liña de apoio, a Xunta contribúe aos gastos derivados de tradución e corrección, revisión, maquetación, custos de preimpresión, dixitalización, así como accións de comercialización como campañas de márketing e publicidade en diferentes medios e canles ou gastos de distribución.

 

Esta acción dá resposta ao Plan Xeración Cultura, a folla de ruta do Goberno galego para este ano que inclúe unha batería de accións para impulsar ao sector cultural galego en todas as súas vertentes. No eido do sector dos libros, inclúe medidas de proxección exterior, presenza nas feiras do libro de Galicia, na adquisición de novidades editorais, así como con actividades de dinamización para a lectura, entre outras.

Comparte