Nova: A Xunta financiará o 55 % da programación do Teatro Rosalía de Castro e o Fórum Metropolitano na Rede de Teatros e Auditorios
23/01/2023
A Xunta financiará o 55 % da programación do Teatro Rosalía de Castro e o Fórum Metropolitano na Rede de Teatros e Auditorios
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais asina coa alcaldesa o convenio para a programación do primeiro semestre do ano nun acto ao que tamén asistiu o delegado territorial
Suporá contratar 21 compañías de teatro e danza, que actuarán no Teatro Rosalía Castro e no Fórum Metropolitano cun investimento de preto de 91.000 euros
O circuíto que desenvolve a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades xunto a 40 entidades locais de toda Galicia conta con 1,1 millóns de euros para o desenvolvemento de 320 representacións de 114 formacións artísticas ata xuño
A Coruña, 23 de xaneiro de 2023 O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, desprazouse hoxe ata A Coruña para asinar coa alcaldesa, Inés Rey, o convenio mediante o que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades contribúe á programación de 26 funcións escénicas na cidade herculina a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios. O Pazo Municipal de María Pita acolleu este acto de sinatura, ao que tamén asistiu o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor.
O circuíto autonómico, desenvolvido xunto a 40 entidades locais asociadas, conta cun orzamento de 1,1 millóns de euros para a actual carteleira semestral, cifra que se traduce na contratación de 114 formacións artísticas para levar a cabo preto de 320 funcións escénicas e concertos en escenarios das catro provincias.
Entre eles, atópanse tanto o Teatro Rosalía de Castro como o Fórum Metropolitano da Coruña, que ofrecen respectivamente 14 e 12 actuacións de 21 compañías de teatro e de danza, a meirande parte delas galegas, ao abeiro desta programación. Para tal fin, o concello coruñés dispón dun orzamento de preto de 91.000 euros, dos que a Xunta lle achega máis do 55 % (50.474 euros) en virtude do convenio subscrito hoxe.
Teatro e danza no Rosalía
A oferta do circuíto na cidade herculina para esta primeira metade do ano arrancou xa o pasado día 13 coa estrea do espectáculo Mosca, da compañía Ártika, no Teatro Rosalía, onde a pasada fin de semana actuou tamén Teatro do Noroeste con Último verán en Santa Cristina.
Xa en febreiro, o escenario da rúa Rego de Auga recibirá os días 24 e 25 o espectáculo Doble o nada, protagonizado por Miguel Ángel Sola e Paula Cancio. En marzo será a quenda de Talía Teatro con Unha inimiga do pobo (días 3 e 4) e de Elefante Elegante con Alma de tigre (días 24 e 25), que darán paso a catro espectáculos coreográficos: DeMente de Fran Sieira Compañía de Danza (22 de abril), Bionic de Entremans (28 de abril), Festina Lente de VACAburra (29 de abril) e Vaivén de Marcia Vázquez (12 de maio). Ademais, o Rosalía acollerá o 19 e o 20 de maio a versión de O porco de pé, de Vicente Risco, por Producións Teatrais Excéntricas.
Oferta para público familiar
O Fórum Metropolitano é o outro espazo coruñés asociado á Rede Galega de Teatros e Auditorios, dentro da que este semestre ofrecerá 12 funcións, cinco delas especialmente pensadas para público familiar: A illa da deslembranza de Ártika Cía o 25 de febreiro, La niña de las trenzas al revés de El Callejón del Gato o 25 de marzo, Wombo Combo de Galeatro o 22 de abril, Ás para Álex de Baobab Teatro o 27 de maio e El soldadito de plomo de Katarsis o 10 de xuño.
Tamén estarán esta temporada no Fórum De Ste Xeito Producións con Backup. A Resurrección de Nuno (3 de febreiro), Barrosanta con Ragazzo (17 de marzo), Compañía Humana con Iphixenia na porta do súper (31 de marzo), aAntena coa coprodución co Centro Dramático Galego Relato para un incendio (28 de abril), Fulano, Mengano e Citano con A louca historia de Galicia (5 de maio), Nauta con A barca do inferno (19 de maio) e Cámara Negra Teatro con Si esto es un hombre (2 de xuño).
Novos equipamentos
Ademais do apoio á súa programación, o Teatro Rosalía de Castro está a estrear novos equipamentos técnicos cofinanciados pola Xunta de Galicia a través da liña de axudas para a modernización e xestión sustentable das infraestruturas de artes escénicas e de música.
O Concello coruñés foi unha das 46 entidades públicas e privadas adxudicatarias da primeira convocatoria do devandito programa de subvencións e, como tal, recibiu algo máis de 30.000 euros para instalar neste escenario un sistema de audio que facilita a asistencia aos espectáculos de persoas con discapacidade sensorial, ademais de novos equipamentos dixitais de iluminación led e vídeo.