Evento: Exposición traxes tradicionais de Galicia

Exposición traxes tradicionais de Galicia
luns, 5 setembro, 2022 a sábado, 17 setembro, 2022
Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal,
Santiago de Compostela

Exposición traxes tradicionais de Galicia

A biblioteca cede o espazo para a realización da Exposición de traxes tradicionais de Galicia que estará no vestíbulo do 5 ao 17 de setembro.

A exposición, elaborada por Mª Susana Peleteiro Fernández, consta de 38 bonecas con traxes de diferentes épocas, bisbarras e usos sociais (traxes de traballo, traxes de ir á feira, traxes de gala ou garda, un traxe de danza ceremonial…); os textos, nos que se fai un percorrido pola historia do vestir tradicional e da representación gráfica dos traxes populares, que condicionou o concepto que deste aspecto do noso patrimonio se tivo e se ten; fotografías antigas de traxes ou pezas de traxes vestidos polos nosos devanceiros e algunhas prendas de vestir e útiles usados no proceso da confección dos traxes.

Con cada traxe mostrado nas bonecas acompáñanse fotografías do modelo real e os datos que se solicitaron da orixe da vestimenta, moitos deles investigados por expertos como Francisco Rodríguez (Pancho), Alberto Golpe Beceiro, grupo de Música e baile tradicional Brincadeira, Museo do Pobo Galego, etc.

Antigamente a vestimenta (roupa, calzado e complementos como tocados de cabeza, calzado, adornos, xoias, etc) falaba da procedencia da persoa, da súa pertenza a determinado grupo ou status social, así como do seu nivel económico; mesmo se convertía en manifestación do seu estado civil (segundo a persoa fose prometida, casada, viúva…e así ata cinco estados en determinados lugares) constituíndo estes sinais verdadeiros signos identitarios.

Os tecidos, as tinguiduras aplicadas para a súa coloración, os materiais dos complementos (sistemas de peche como botóns, lazos e presillas, o calzado, os adornos) procedían normalmente da contorna. Só os máis podentes podían permitirse adquirir tecidos e materiais doutros lugares; no caso de Galicia, sedas de Valencia, panos de Tarazona ou Béjar, veludo francés ou alemán, contas de cristal de Inglaterra, etc. As tramas utilizadas para tecer, os debuxos realizados, os cortes efectuados, as técnicas de costura eran e son tamén manifestación de usos, costumes e tradicións locais ou comarcais.

A exposición pode visitarse no horario de apertura da biblioteca.

Máis eventos de tipo Exposición

Mulleres artistas: aprendendo o oficio
11 de marzo a 31 de decembro
Lugar de la Ciudad de la Cultura
Somos un Ribeiro diverso
1 de abril a 31 de decembro
Museo Etnolóxico de Ribadavia
Tesoureiras do noso
16 de maio a 30 de setembro
Lugar de la Ciudad de la Cultura