Evento: Exposición As Lendas Galegas do pintor Pedro Castro Couto
Exposición As Lendas Galegas do pintor Pedro Castro Couto
A exposición As Lendas Galegas do pintor Pedro Castro Couto terá lugar no Circo de Artesáns da Coruña e combina as técnicas do óleo e a do acrílico.
PERÍODO E HORARIO DA EXPOSICIÓN DE PEDRO CASTRO COUTO
Todas as persoas que o desexen, sexan ou non socias do Circo de Artesáns, teñen acceso libre e gratuíto para veren a exposición de pintura, que se desenvolverá do 3 ao 30 de setembro (incluíndo os festivos e os dous días citados).
O horario cada día será desde as 17:00 horas ás 22.00 horas.
PEDRO CASTRO COUTO (Ferrol, 1948) é un recoñecido e singular pintor, ilustrador e artesán que traballa a cerámica e o cartón pedra. Como pintor traballa o óleo, o acrílico e a plumilla.
Aos 17 anos trasladouse á Coruña para realizar os estudos de Náutica, converténdose en residente na cidade herculina. Compatibilizou os estudos de Psicología e de Historia co traballo de impresor, vendedor de artesanía e no seu comercio-galería “El Atlantis”, no que tamén se desenvolveron interesantes exposicións.
Traballou na reprodución arqueolóxica para moitos museos galegos e doutras partes do Estado español.
O seu enorme interese pola historia e a arqueoloxía vai influir nas súas obras pictóricas, facendo que se convirtan en verdadeiras lecións sobre os usos e costumes de épocas diferentes, como a cultura castrexa, a sueva, a clásica greco-romana, a medieval, etc.
Perico Castro, como é popularmente coñecido, hai anos comezou a pintar cadros cheos de simboloxía que evocan lendas celtas e medievais europeos. A súa pintura podemos considerala como moi intelectual, porque para a súa realización o artista pasa un proceso rigoroso de investigación e de documentación. No pracer visual que produce a contemplación dos seus cadros, alén da posta en valor do noso patrimonio, transmítense moitas emocións.
OS OBXECTIVOS ARTÍSTICOS DE PEDRO CASTRO COUTO
O pintor Pedro Castro Couto expresa así, coas súas propias palabras, a súa vontade artística: “Para min a clave está no asunto. Non porque crea que este teña de absorber ou subordinar os valores plásticos, converter o cadro en simple narración, senón como elemento enxendrador del, a súa semente. E a calidade da semente decide a esencia e o valor humano do cadro, a carga magnética da cor e das formas. Creo que hai que pintar aquilo que amamos entrañablemente, que nos ata co seu misterio e alegría; que mete as súas raíces en nós e as súas ansias de florecer na alma.”
ALGUNHAS DAS PRINCIPAIS EXPOSICIÓNS DE PEDRO CASTRO COUTO
Desde os anos 70 ven realizando exposicións nas máis variadas salas. Algunhas das súas exposicións máis destacadas foron:
-Colectiva Plástica Galega. Galería Xerión. Coruña (Ano 2000)
-Individual. Sala Enxebre. Hostal dos Reis Católicos. Compostela (2006)
-Individual. Casa da Cultura do Concello de Monforte de Lemos (2006)
-Individual. “Paseo pola arquitectura da Galiza”. Pazo da Cultura de Carballo (2007)
-Individual. Galería Botica das Artes. Santa Cristina (Oleiros) (2013)
-Colectiva. Casino de Ferrol (2014)
-Colectiva. Ateneo Ferrolán. Ferrol (2014)
-Individual. “As cidades de Torrente Ballester”. Concello de Ferrol (2015)
-Individual. “Pinturas sobre a obra de Valle-Inclán. Cidade da Cultura. Compostela (2016)
-Individual. Sala de Exposicións do Concello de Betanzos (2016)
-Individual. “O Medievo”. En Portas Ártabras. Coruña (2017)