Evento: Dandismo e dandis. De Zola a Baudelaire

Dandismo e dandis. De Zola a Baudelaire
mércores, 10 marzo, 2021 - 19:00
Centro Galego de Arte Contemporánea,
Santiago de Compostela

Dandismo e dandis. De Zola a Baudelaire

Curso que ofrece unha reflexión sobre as orixes da moda a finais do século XIX e comezos do século XX.

O presente curso ofrece unha reflexión sobre as orixes da moda a finais do século XIX e comezos do século XX. Con esta premisa analizaremos a súa contextualización histórica, semiótica e social, e as súas relacións con outras disciplinas artísticas como a literatura e a arte. Como apuntaba Emilia Pardo Bazán na súa obra Cuarenta días en la exposición, “A moda non é algo arbitrario. Por iso merece considerarse como unha importante manifestación social e artística”.

O curso céntrase no período da belle époque. Unha etapa de grandes cambios no rol social e cultural da muller, feito que necesariamente repercutiría na súa indumentaria. Os facedores desa nova muller foron os grandes couturiers parisienses, que liberaron as mulleres de corpiños e outras ataduras para permitirlles gozar dunha mobilidade ata entón recortada e limitada. Isto traerá consigo novas ansias de cambio social.

Analizaremos a importancia de modistas e casas de moda como Charles Frederick Worth, Jeanne Paquin, Félix, Callot Soeurs ou Paul Poiret, impulsores de novas dinámicas no vestir que aínda hoxe en día son revisitadas e recuperadas. Revisaremos, así mesmo, a presenza da moda en obras literarias de autores como Benito Galdós, Émile Zola ou Emilia Pardo Bazán. Constataremos a interacción entre moda e arte a través de personalidades como Sorolla, Singer Sargent ou Madrazo. Veremos como ambas as disciplinas manteñen un diálogo permanente, que se consolida a través do tempo desde estes primeiros pasos da moda e se prolonga ata a actualidade. Estudaremos os primeiros mecanismos publicitarios da moda: revistas, fashion films, desfiles… Analizaremos a figura das fashion victims do momento (actrices como Sarah Berharndt, a emperatriz Eugenia de Montijo...) e os seus posibles modelos literarios (María de la Espina Porcel en La quimera, Fortunata en Fortunata y Jacinta…). Procuraremos responder, en definitiva, a pregunta que se expón Enrique Gómez Carrillo na súa obra Psicología de la moda femenina: “Non é seica a moda unha arte, igual que a poesía, o mesmo que a escultura?”. Talvez é a arte por excelencia e por preexcelencia.

Máis eventos de tipo Obradoiro

PINTURA SOBRE SEDA
26 de abril
Museo de Belas Artes
Un libro e unha vaca. Obradoiro arredor do libro
26 de abril
Biblioteca Pública Municipal do Barqueiro
Sábados Okupados - O nariz de Pinocho
27 de abril
Biblioteca Pública de Ourense
Con A de astrónomAs
27 de abril
Museo Massó