Evento: MIES É +. Talleres experimentais de arquitectura contemporánea 2026
MIES É +. Talleres experimentais de arquitectura contemporánea 2026
O CGAC presenta a décima primeira edición deste ciclo de obradoiros dedicado á arquitectura contemporánea para o público infantil e, como vén sendo tradicional, pecharemos o programa cun obradoiro dirixido ás familias.
Os obradoiros, que teñen lugar a última fin de semana de cada mes, desenvólvense baixo a dirección do arquitecto Fermín Blanco, co apoio do equipo didáctico do Sistema Lupo. O seu obxectivo é proporcionarlles aos nenos e nenas as ferramentas e as claves necesarias para interpretar a arquitectura do noso tempo a través das teorías, os proxectos e os traballos dos arquitectos e arquitectas máis importantes dos últimos tempos. Como en cada edición, os temas serán tratados transversalmente empregando a arquitectura como fío condutor.
O Sistema Lupo aposta por unha didáctica activa, experimental, mestura de teoría e práctica, onde o xogo é o verdadeiro aglutinante dunha dinámica creativa de carácter cooperativo. En paralelo ás propias estratexias didácticas, Lupo ten un compromiso co desenvolvemento de ferramentas de xogo cooperativo onde o xogo de construción é o eixe da investigación.
A parte práctica dos talleres artéllase sobre a base dunha serie de pezas modulares que permiten múltiples posibilidades combinatorias, formas, proporcións, xogos de equilibrio e estratexias de acción. A dinámica que se propón fomenta a reflexión e a creatividade individuais, así como o traballo en equipo a través do xogo e da construción a grande escala.
Como é habitual neste programa, viaxaremos no tempo e no espazo cambiando de continente de sesión en sesión. Primeiro visitaremos o gran mestre pioneiro creador da escola paulista, João Batista Vilanova Artigas, un arquitecto comprometido cunha misión: conectar a arquitectura coa sociedade. Pasaremos polas sempre sensibles creacións de Annette Gigon; as arquitecturas que escoitan acompañarannos nos seus xardíns e coñeceremos a súa maneira de entender a arquitectura e a súa contorna. Seguindo cos xardíns e as súas riquezas, chegaremos á Quinta de los Molinos, residencia de César Cort, e aprenderemos sobre a xestión da auga e dos cultivos nun espazo máxico hoxe convertido en centro de mocidade. Yasmeen Lari ensinaranos a arquitectura descalza: unha arquitectura sen complexos nin alardes. Remataremos o ciclo cunhas sesións en familia dedicadas á construción ao natural arredor da figura de Joaquín Vaquero Palacios e a súa grande obra en Santiago de Compostela.
PROGRAMA
TALLERES PARA PÚBLICO INFANTIL
XANEIRO. Vilanova Artigas. A escola paulista. Arquitectura e sociedade
Sábado, 31 de xaneiro. Para nenos e nenas de 6 a 8 anos
Domingo, 1 de febreiro. Para nenos e nenas de 9 a 11 anos
Prazas: 12 / Prazo de inscrición: do 21 ao 29 de xaneiro
FEBREIRO. Annette Gigon. Arquitecturas que escoitan
Sábado, 28 de febreiro. Para nenos e nenas de 6 a 8 anos
Domingo, 1 de marzo. Para nenos e nenas de 9 a 11 anos
Prazas: 12 / Prazo de inscrición: do 18 ao 26 de febreiro
MARZO. César Cort. Quinta de los Molinos. Acción conxunta
Sábado, 14 de marzo. Para nenos e nenas de 6 a 8 anos
Domingo, 15 de marzo. Para nenos e nenas de 9 a 11 anos
Prazas: 12 / Prazo de inscrición: do 4 ao 12 de marzo
ABRIL. Yasmeen Lari. Arquitectura descalza
Sábado, 25 de abril. Para nenos e nenas de 6 a 8 anos
Domingo, 26 de abril. Para nenos e nenas de 9 a 11 anos
Prazas: 12 / Prazo de inscrición: do 15 ao 23 de abril
TALLERES PARA FAMILIAS
MAIO. Vaquero Palacios. Grande escala
Sábado, 30 de maio. Para familias con nenos e nenas de 6 a 8 anos
Domingo, 31 de maio. Para familias con nenos e nenas de 9 a 11 anos
Prazas: 24 / Prazo de inscrición: do 20 ao 28 de maio
IMPARTE
Denís Gándara
INSCRICIÓN
Todos os talleres son de balde. As persoas interesadas poderán inscribirse, dentro dos prazos establecidos, a través do correo electrónico cgac.educacion@xunta.gal. Deberán indicar os seguintes datos: o nome completo e a idade das persoas participantes, un número de teléfono e un enderezo electrónico de contacto, o nome e o número de DNI das persoas autorizadas para recoller os e as menores no CGAC e o nome do taller ao que desexan asistir.
Poderase inscribir un máximo de dúas persoas mediante cada solicitude. As prazas cubriranse por orde de inscrición. As persoas solicitantes recibirán unha notificación por correo electrónico.


