Evento: Exposición 'Museo (do ermitán) Man'
Exposición 'Museo (do ermitán) Man'
O Museo do Mar de Galicia (Vigo, Pontevedra) acolle ata o domingo 15 de novembro a mostra 'Museo (do ermitán) Man' que recolle a creación artística de Manfred Gnädinger, máis coñecido como Man de Camelle. Trátase dunha exposiciónna que se rende homenaxe a este artista e na que se recolle a esencia da súa creación entre os anos 1969 e 1978.
A mostra inaugurada no museo vigués está composta por unha selección de 606 fotografías, debuxos e escritos integrados no denominado Museum vom Einsiedler Man. Camelle. Moitas destas imaxes foron retocadas polo autor modificando as súas medidas orixinais, pintando directamente sobre as mesmas, engadindo comentarios e perfilando as siluetas das figuras captadas. Tamén se expoñen documentos escritos con explicacións sobre a súa visión da arte ou debuxos realizados en papel por visitantes do seu xardín, así como anotacións en alemán, aforismos, comentarios filosóficos ou reflexións sobre a súa propia obra a modo de manifestos.
O proxecto expositivo compleméntase cunha réplica a escala real da casa museo realizada polos arquitectos Creus e Carrasco, responsables tamén da restauración da propia casa museo de Man en Camelle, e por un documental inédito sobre a súa vida rodado por Joan Mallarach na década dos 80.
Man de Camelle (Radolfzell, 1936 – Camariñas, 2002)
Manfred Gnädinger foi un creador polivalente que desenvolveu o conxunto do seu labor en Camelle (Camariñas, A Coruña) a onde chegou na década dos 60 e estivo totalmente apartado do sistema artístico. Ao longo da súa vida foi presentado polos medios de comunicación como unha persoa extravagante, o que non permitiu ver máis aló e recoñecer a súa verdadeira dimensión artística. En decembro do ano 2002 faleceu despois de que a súa obra se vira afectada polo Prestige. Anos despois, ao acceder ao interior da súa casa para recuperar os seus bens, púidose comprobar a verdadeira magnitude creativa do artista.