Evento: Gaiás panorámico: un percorrido arquitéctónico
Gaiás panorámico: un percorrido arquitéctónico
Coñece coa axuda dos nosos guías a xénese, evolución e funcións que se desenvolven na Cidade da Cultura, descubre a espectacular arquitectura de Peter Eisenman, mergúllate nos espazos naturais que rodean o complexo e a fauna e flora que os habita. A través da nosa oferta de visitas comentadas poderás achegarte de xeito ameno e divulgativo a esta singular infraestrutura e gozar de vistas panorámicas de Santiago desde o cumio do monte Gaiás.
Nesta visita percorreremos os exteriores da Cidade da Cultura para coñecer e abraiarnos coas liñas e volumes proxectados polo neoiorquino Peter Eisenman. Comezando na entrada do Museo Centro Gaiás, un dos edificios máis singulares do complexo, admiraremos a súa espectacular fachada acristalada de case 43 metros de altura. Camiñaremos a ampla Praza Central descubrindo dunha ollada o xogo de trazos e formas que compoñen o deseño da Cidade, os usos e historia dos diferentes edificios, e a monumentalidade do complexo arquitectónico.
Neste percorrido non faltarán as icónicas Torres Hejduk, deseñadas orixinariamente polo arquitecto John Hejduk como torres botánicas para o parque compostelán de Belvís, e integradas por Eisenman no seu proxecto para o Gaiás trala morte do seu amigo e compañeiro do New York Five.
A visita non deixará de lado tampouco os espazos verdes e permitiranos coñecer brevemente os dous xardíns construídos no corazón arquitectónico do Gaiás: o Xardín Literario e o Xardín do Teatro. Tamén o Parque da Balea, un espazo de xogo e lecer que homenaxea a un dos grandes artistas plásticos galegos: o coruñés Urbano Lugrís, e os seus icónicos monstros mariños.
Máis eventos de tipo Visita guiada/Roteiro