Evento: ARQUITECTURA CONTEMPORÁNEA EN COMPOSTELA. Rutas de arquitectura - Reedición

ARQUITECTURA CONTEMPORÁNEA EN COMPOSTELA. Rutas de arquitectura - Reedición
sábado, 14 febreiro, 2026 a sábado, 14 novembro, 2026
Centro Galego de Arte Contemporánea,
Santiago de Compostela

ARQUITECTURA CONTEMPORÁNEA EN COMPOSTELA. Rutas de arquitectura - Reedición

O urbanismo e a arquitectura contemporánea seguen sendo os grandes descoñecidos da cidade de Santiago de Compostela. O obxectivo desta actividade é animar á cidadanía para ir máis aló da Compostela monumental para pasear, descubrir e gozar tamén dunha paisaxe arquitectónica actual e en constante cambio.
Nesta ocasión e, respondendo á demanda do público, reeditamos varios roteiros de arquitectura realizadas nos últimos anos.

ARQUITECTURA PARA ESPAZOS CULTURAIS
Percorreremos as rúas de Santiago de Compostela para falar da arquitectura como contedor de espazos culturais. Deterémonos nalgúns destes lugares nos que, máis aló de limitarse a crear espazos destinados a prestar un servizo, a arquitectura pode e debe ser un elemento inspirador que acompañe e mellore a experiencia da visita.
Partiremos do CGAC, un centro concibido desde os seus inicios para a función que hoxe desempeña, e comentaremos a importancia desta obra de Álvaro Siza Vieira como contedor e continente de arte. Continuaremos a visita no Museo das Peregrinacións e de Santiago, proxectado por Manuel Gallego Jorreto sobre o edificio do antigo Banco de España. Poñeremos fin ao noso percorrido na Fundación Eugenio Granell, con sede no antigo Pazo de Bendaña.
Coñeceremos algúns recunchos ocultos destes edificios que nos brindan exemplos diversos sobre como intervir nunha contorna declarada patrimonio da humanidade e sobre como poñer en valor arquitecturas preexistentes, que se transforman e adáptanse á programación de actividades culturais actuais dentro da trama medieval da cidade.

O CGAC E OUTROS FITOS DA ARQUITECTURA CONTEMPORÁNEA COMPOSTELÁ
Este roteiro recolle unha mostra das actuacións realizadas no últimos cincuenta anos que, de forma continua, foron definindo e singularizando a zona norte da cidade. Falaremos da relación entre a arquitectura e a paisaxe, do diálogo entre a tradición e a modernidade, da pedra e das novas linguaxes arquitectónicas.
Partiremos do exterior do CGAC e falaremos da importancia desta primeira obra de Álvaro Siza na cidade. Continuaremos o percorrido deténdonos noutros fitos da arquitectura contemporánea compostelá, como o conxunto da avenida Xoán XXIII; a Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal, de Andrés Perea; a residencia do presidente da Xunta de Galicia, de Manuel Gallego Jorreto; a quinta Simeón, tamén coñecida como parque de Vista Alegre, con intervencións de César Portela, Arata Isozaki e Antón García Abril; e o Auditorio de Galicia, de Julio Cano Lasso. Finalizaremos o paseo, regresando á arquitectura de Siza Vieira, na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC.

ACTUACIÓNS DE BORDO
Neste roteiro descubriremos aqueles espazos urbanos que experimentaron transformacións nas últimas décadas. Mostraremos unha selección das denominadas ?arquitecturas de bordo?, é dicir, actuacións que conectan zonas da cidade construídas en distintas épocas. Falaremos da relación entre a arquitectura e a paisaxe, da escala urbana, da incorporación dos espazos verdes á trama da cidade, do diálogo entre tradición e modernidade, da pedra e das novas linguaxes arquitectónicas.
Partiremos do exterior do CGAC, onde falaremos da importancia da obra de Álvaro Siza Vieira en Compostela; continuaremos o percorrido polo Parque de San Domingos de Bonaval, deseñado pola paisaxista galega Isabel Aguirre en colaboración con Álvaro Siza; o complexo residencial da Caramoniña, de Víctor López Cotelo; e, desde a distancia, a intervención levada a cabo no Monte Gaiás, coa Cidade da Cultura. De regreso ao CGAC, falaremos da importancia das intervencións de pequena escala, co exemplo da Casa 2M, do estudo de arquitectura 2é .

 

CALENDARIO

ARQUITECTURA PARA ESPAZOS CULTURAIS
14 de febreiro. Prazo de inscrición: 4 e 5 de febreiro
14 de marzo. Prazo de inscrición: 4 e 5 de marzo
11 de abril. Prazo de inscrición: 25 e 26 de marzo
14 de novembro. Prazo de inscrición: 28 e 29 de novembro

O CGAC E OUTROS FITOS DA ARQUITECTURA CONTEMPORÁNEA COMPOSTELÁ
9 de maio. Prazo de inscrición: 29 e 30 de abril
13 de xuño. Prazo de inscrición: 3 e 4 de xuño

ACTUACIÓNS DE BORDO
26 de setembro. Prazo de inscrición: 17 e 18 de setembro
10 de outubro. Prazo de inscrición: 30 de setembro e 1 de outubro

 

CARMEN REY (Santiago de Compostela, A Coruña, 1970) é titulada superior en Arquitectura, na especialidade de Edificación, pola Universidade da Coruña. Traballa no exercicio libre da súa profesión desde o ano 2000. Mostra do seu compromiso coa difusión da arquitectura e o urbanismo de Santiago é o seu labor, desde 2002, no deseño e realización de roteiros de arquitectura contemporánea para distintos organismos, como o Colexio de Arquitectos de Galicia, o Concello de Santiago, a Xunta de Galicia e o CGAC.
Formou parte da Comisión de Cultura da Delegación de Santiago do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (2003-2007) e representou a esta institución como integrante do Grupo Relator Técnico e da Comisión Asesora de Patrimonio Histórico do Plan Especial da cidade histórica de Santiago (PE-1) do Concello de Santiago (2015-2023).

 

INSCRICIÓN

A actividade é gratuíta. Para participar é necesario inscribirse previamente dentro dos prazos previstos para cada unha das sesións enviando a cgac.educacion@xunta.gal un correo electrónico cos seguintes datos: nome completo, número de teléfono, dirección de correo electrónico e estudos, área de traballo ou interese. Poderá inscribirse un máximo de dous participantes por solicitude e, nese caso, será necesario enviar todos os datos de ambas as persoas. As prazas cubriranse por orde de inscrición. As persoas rexistradas recibirán unha notificación do estado da súa solicitude por correo electrónico.

Máis eventos de tipo Visita guiada/Roteiro

visitas escolares todo o curso 2025-2026 no Museo de Belas Artes da Coruña
Visitas escolares
8 de setembro a 21 de xuño
Museo de Belas Artes
Obradoiros e visitas para o curso escolar no Museo Massó
Obradoiros e visitas guiadas
8 de setembro a 19 de xuño
Museo Massó
Redescubrindo Ourense: Itinerario polo Ourense Medieval
26 de febreiro
Biblioteca Pública de Ourense
Redescubrindo Ourense: Cárceres
27 de febreiro
Biblioteca Pública de Ourense