Evento: Curva España
Curva España
Nos últimos anos Chévere realizou unha serie de traballos que exploraron as posibilidades do teatro-documento e a memoria colectiva como desencadeantes dunha ficción teatral, como foi o caso de Eroski Paraíso. Esta nova obra é un paso máis para afondar en mecanismos narrativos que xogan coa ficción e a realidade, fusionando elementos propios do xénero documental e da ficción policial. Unha posta en escena que contrasta o traballo de interpretación fronte á cámara e fronte ao público, colocando en escena a Miguel de Lira e Patricia de Lorenzo xunto a un equipo audiovisual que tamén se converte en presenza cómplice. Coma outras veces, partimos dunha historia moi local, un relato que se transmitiu de xeración en xeración durante case cen anos e ao que nos achegamos con todo o coidado do mundo. Para iso nos documentamos en arquivos ou bibliotecas, apalpando papeis ou tirando de fíos dixitais. Entrevistamos a persoas que investigaron eses feitos antes que nós. Recollemos in situ os testemuños da xente, os seus recordos e as súas palabras. Organizamos o rexistro de todo este traballo en gravacións sonoras ou en vídeo. E con todo este material metémonos no local de ensaios para darlle forma teatral. Poñer a historia a proba, reconstruír as voces dos seus protagonistas cos nosos actores e actrices, crear situaciónes ao seu arredor, escribir sobre a marcha e a pé de escenario o que teñen que dicir. Gústanos poñer a idea en movimento sabendo de onde partimos, pero sen saber exactamente a onde chegaremos. Aínda que o título por si mesmo ten a forza dunha metáfora para suxerir o que cada quen queira imaxinar, a Curva España existe. Está na antiga estrada da Gudiña a Verín, na provincia de Ourense. Hai décadas que por alí non pasa o tráfico, pero a xente a segue chamando así en lembranza de José Fernández España, un enxeñeiro que morreu en 1927 nese mesmo lugar ao caer o seu coche por un barranco, cando realizaba o deseño do trazado da variante sur (tamén chamada Variante André) da liña ferroviaria Puebla de Sanabria-Ourense. Despois da súa morte, a opción sur por Verín, Xinzo e Allariz desaparece e as obras se desenvolverán durante os seguintes trinta anos polo Macizo Central ourensán, cun enorme custe tanto económico como de vidas humanas, prolongando o atraso e illamento de amplas zonas de Galicia. Por que se optou polo trazado máis caro e difícil de todas as liñas españolas? Por que se volve facer o mesmo cen anos despois co AVE? Por que se deixou para sempre sen conectar a parte habitada, produtiva e fronteiriza deste territorio? Nesta zona a resposta do pobo foi construír unha lenda arredor da morte do enxeñeiro España: mandáronno matar os caciques da comarca porque non querían que o tren pasase polas súas terras, provocando un aumento de salarios ou traendo competencia para os seus produtos. Por iso nunca chegou o tren. Esta lenda podería actuar coma un contra-feitizo xerado para cambiar o punto de atención, ao dar resposta a unha pregunta que nunca foi formulada: Por que non chegou o tren? O que fixemos foi ir ata alí para preguntarlles que é a Curva españa, que lles contaron sobre a morte do enxeñeiro, que saben sobre a construción dun tren que nunca chegou a pasar por alí, como afectou isto ás súas vidas, que significa quedar esquecidos nunha curva da Historia. Os seus testemuños serán o punto de partida desta obra, a historia da curva na que se matou España.